A CIG denuncia o abandono de Navantia por parte da dirección

O sindicato denuncia a falta de compromisos da empresa con proxectos que garantan a viabilidade futura dos estaleiros públicos
Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol
photo_camera Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

As seccións sindicais da CIG en Navantia Fene e Ferrol volveron denunciar esta segunda feira o "abandono" da Dirección de Navantia, a quen acusan de "boicotear e torpedear" o potencial dos estaleiros e hipotecar o seu futuro. 

Para a representación sindical é o momento de actuar, aproveitando a elaboración dos orzamentos e a aplicación dos fondos europeos da Covid. "Non podemos perder esta oportunidade, porque doutro modo Navantia Ría de Ferrol quedará hipotecada e discutida fortemente de cara ao futuro", advertiu Marcelino Amado durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado por Xoán Rico, da sección sindical da CIG en Navantia Fene.

Unha das principais demandas da CIG desde hai anos é a construción dun novo dique, unha infraestrutura "irrenunciábel" para Carenas, un departamento que, como denuncian, "está nunha situación límite". O investimento que require esta obra resulta moi cativo con respecto aos beneficios que produce ao largo do tempo, apuntou Amado, quen adiantou que a división de Carenas entrará en perdas este ano, "algo inaudito desde hai décadas". 

En situación similar está Turbinas, que pasou de ser departamento propio xunto a sistemas e motores en Cartaxena, a ser un mero taller máis de Ferrol, o mesmo que lle pode acontecer ao estaleiro de Fene.

Segundo Xoán Rico, "agora mesmo hai unha petición por parte de Windar de aumentar o espazo para almacenamento, pero non de traer para Fene outro tipo de actividade con máis valor engadido". Neste senso, acusou Navantia de imporse autolimitacións e non apostar noutras alternativas á eólica mariña, "como a mareomotriz".

En canto ás novas instalacións, denunciaron o abandono do proxecto de estaleiro co dique que había en 2017, que se substitúe agora por un taller de subloques cun investimento moi inferior. 

Tal e como apuntou Amado, ese investimento é vital para a supervivencia de Navantia na ría de Ferrol. "É importante para poder competir en prazo e en prezo, non só para facer produtos para a mariña española, tamén para competir internacionalmente e de cara a ese proxecto europeo de fragata común, se non, quedaremos facendo partes do barco, como un simple taller e non como un estaleiro", alerta.

Comentarios