CIG convoca concentracións en cidades galegas contra o decreto para a contratación da mocidade

As mobilizacións decorrerán o vindeiro 11 de abril para denunciar que o goberno español abre a porta a “contratación de menores de 30 anos, con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego”

Manifestación Vigo

Facer fronte ás reformas e recortes en materia laboral aprobados polo goberno español no último mes. Esa é a finalidade das mobilizacións convocadas pola CIG para o vindeiro 11 de abril en diferentes cidades galegas. o decreto para a contratación da mocidade; a autorización ás mutuas para dar altas de enfermidade; a das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e o recorte do dereito ao subsidio para maiores de 55 anos, son algunhas das últimas tesoiradas do executivo do PP á clase traballadora e contra os que a central nacionalista chama a se mobilizar.

Co pretexto de favorecer a contratación de menores de 30 anos o Goberno de Mariano Rajoy autoriza, con carácter xeral, a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego.

“Non satisfeito con isto, o Goberno ofrece a cambio importantes axudas ás empresas, ás que permite facer estes contratos para os que a CIG denuncia que previamente despedirán a outras/os traballadoras/es por calquera causa. “Poderán substituír a un/unha traballador antigo e maior por varios novos, precarios e baratos”.

Permite ademais ás ETTs facer estes contratos baratos e pagar con diñeiro público a empresas privadas que os xestionen en substitución do INEM.

Concentracións

A Coruña, ás 20:00 horas na Subdelegación do Goberno

Compostela ás 20:00 h. na Praza do Toral

Ferrol, ás 19:00 horas na Praza do Concello

Ourense, diante da Subdelegación do Goberno español ás 20.00 horas

Pontevedra, na Praza da Peregrina ás 20.00 horas

Vigo, na farola da Urzaiz ás 20.00 horas


 

.

Comentarios