CIG considera a amnistía fiscal un deixamento de funcións da Axencia Tributaria

O sindicato critica que a AEAT sexa "implcábel" cos e coas cidadás nos seus pagos e se den "facilidades de branqueo" ao que califica de defraudadores profesionais

A sección sindical da CIG na Axencia de Tributaria vén de facer unha valoración negativa das medidas de "aministía fiscal" aprobadas polo goberno español para facer aflorar o dineiro negro. A central sinala que "as medidas que está a tomar o Goberno para efectuar o que eles denominan regularización fiscal, non son máis que a constatación do fracaso dun modelo de xestión dos tributos que leva anos obsoleto".

 A CIG afirma que "viamos como a fraude fiscal e a economía somerxida non paraban de crecer mentres que a Axencia Tributaria se limitaba a perseguir a pequena fraude ou a requirir os cidadáns que, sen ánimo de defraudar, cometían algún erro ou se esquecían de facer algún pago no prazo previsto". Mentres, prosegue o sindicato, as e os defraudadores profesionais "vivían pracidamente e as facilidades de branqueo facían do Estado Español o paraíso das distintas mafias que fixaban aquí a súa residencia".

Como dato adicional, a AEAT é incapaz, afirma a CIG, de recadar a maior parte das débedas tributarias que liquida, "chegando a un pírrico 47% para as débedas inferiores a 1.000 euros, e non chega ao 13% para as débedas superiores a 50.000 euros".

Lembra a central que a AEAT ten encomendada por lei aplicar o sistema tributario de tal forma "que se cumpra o principio constitucional en función do cal todos deben contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica. Coa nova Lei de amnistía fiscal, que xa entrou en vigor, consideramos que o goberno pode estar vulnerando a Constitución".

 Para a CIG, o feito de que se poidan regularizar os cartos en efectivo mediante a simple apertura dunha conta corrente sen facilitar datos sobre a procedencia deses cartos, "sexa esta de actividades delituosas ou non, parécenos, cando menos, escandaloso e moi desmotivador para os cidadáns que sempre cumpriron coas súas obrigas tributarias. Ademais, na CIG-AEAT dubidamos de que esta medida levante grandes cantidades de aforro somerxido e quizais supoña un efecto chamada para o incremento da fraude".

Comentarios