A CIG convoca mobilizacións para o 19 de xullo e chama a unha folga xeral conxunta en setembro

A central nacionalista convoca manifestacións-cazoladas o 19 nas cidades galegas e volta facer un chamamento ás outras organizacións para unha folga xeral en setembro

As novas medidas e recortes anunciadas por Rajoy no Congreso dos Deputados non só non son efectivas para sair da crise, senón que van empeorar considerábelmente a calidade de vida das maiorías sociais. Para o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, é mester unha "resposta contundente, dura" para parar esta agresión, de aí que a central nacionalista convoque o 19 deste mes (quinta feira da semana que vén) ás oito da tarde manifestacións-cazoladas nas sete cidades da Galiza. 

Mais non só iso. Seixo reiterou a chamada da CIG ás outras organziaci´ñons sindicais para traballaren conxuntamente de cara a unha nova folga xeral, que decorrería en setembro. "Estamos dispostos a traballar para que sexa a nivel estatal, mais de non ser posíbel faríamola na Galiza". Nesta liña, Seixo tamén anunciou que se porían en contacto coas organizacións sindicais nacionalistas vascas para artellar, como xa fixeran no pasado, unha folga ao tempo na Galiza e Euskal Herria.

Raíz ideolóxica

O secretario xeral da CIG, que estivo acompañado na comparecencia de prensa por Francisco Miranda, debullou as consecuencias que as medidas anunciadas por Rajoy ían ter na cidadanía, con perda de poder adquisitivo, de dereitos laborais, maiores custos, privatizacións... "Son políticas que xa demostraron que son erradas. Mesmo informes de institucións nada sospeitosas de ser esquerdistas, como a OCDE ou FMI, que din que non se vai crear emprego". 

Para Seixo, esta batería de recortes respostan a "criterios ideolóxicos" dunha dereita "reaccionaria" que, alén de medidas contra as maiorías sociais, "aproveita para provocar unha involución en liberdades públicas e unha recentralización do Estado". Ironiza co feito de que forzas políticas "tan patrióticas para non ceder competencias ás nacións sen estado, mais que nada din cando as competencias van para institucións europeas dirixidas polo capital financeiro".

 A CIG, apunta, entende que xa non hai excusas para unha gran mobilización social no camiño de parar estas políticas lesivas para a cidadanía e, aínda máis, "para botalos de aí", en referencia aos gobernos do Partido Popular. Seixo considera unha "desfachatez" que os anuncios de Rajoy no Congreso de recortes nas prestacións de desemprego fosen acollidas con aplausos desde as bancadas do PP. "É inadmisíbel, é unha mostra de clasismo e elitismo".

Exército e Igrexa

Francisco Miranda lembrou que ao mesmo tempo que o Estado español anuncia vagas de recorte tras recorte aprobou destinar ao exército 27.000 millóns de euros para mercar novos tanques e avións militares. "E a igrexa vai recibir en torno a 10.000 millóns". E iso ao tempo, sinalou, que non se articula unha política fiscal adecuada contra a fraude fiscal.

Comentarios