CIG, CC.OO e UGT chaman ás rúas o 19 para rexeitar ''o saqueo do pobo''

As delegacións no país das dúas centrais españolas acordaron sumárense á convocatoria feita polo sindicato nacionalista após unha xuntanza mantida esta segunda feira. Alentan a rexeitar o paquete de medidas aprobadas na sexta feira polo Consello de Ministros, contra as políticas antisociais do PP --quer na Galiza quer no Estado-- e contra os argumentos empregados para defender tales recortes "e a forma de escenificalos"

Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen. É o lema co que as organizacións sindicais CIG, CC.OO e UGT chaman á mobilización nas principais cidades e vilas do país o 19 de xullo, en contra o paquete de medidas aprobadas na sexta feira polo Consello de Ministros, contra as políticas antisociais do PP --quer na Galiza quer no Estado-- e contra os argumentos empregados para defender tales recortes "e a forma de escenificalos". O acto ao que acudirán os tres secretarios xerais serán na Coruña.

No comunicado enviado aos medios, as tres centrais repasan o acordado polo Goberno español: a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción; os incremento dos impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao 10%; de suprimir a paga extra de decembro d@s traballador@s da función pública e a súa negociación colectiva; a redución de empresas e fundacións públicas; a eliminación da prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; a liberalización do sector servizos e dos horarios comerciais; e a privatización dos sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos.


LUGARES E HORA DA CONVOCATORIA

  • Santiago: 20:00 horas, con saída da Alameda
  • Lugo: 20:00 horas con saída da Ronda da Muralla, do local sindical
  • Burela: 20:00 horas, da Praza da Mariña
  • Arousa (Vilagarcía): 21:00 horas, da Casa do Mar
  • Pontevedra: 20:30 horas, da Praza da Ferrería
  • Ourense: 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
  • Vigo: 20:30 horas da Vía Norte
  • Ferrol: 20:30 horas do Inferniño
  • A Coruña (acto central): ás 20:00 horas da Praza da Palloza
  • Ortegal: 20:00 horas. Fronte á Casa do Concello de Ortigueira

 

Comentarios