A CIG carga contra a ‘purga laboral’ do Banco Santander

A entidade presidida por Ana Patricia Botín fechou esta sexta feira 37 delas na Galiza.

CIG ERE Santander
photo_camera [Imaxe: CIG] Delegados da CIG diante das oficinas do Santander na Coruña

O Banco Santander segue adiante co proceso de feche de oficinas, que neste 4 de outubro concretouse no cese de actividade de 164 sucursais, 37 delas na Galiza. Co gallo desta actuación, delegadas e delagados da CIG no banco presidido por Ana Patricia Botín desenvolveron na Coruña unha xornada de mobilizacións na que denunciaron a ‘purga laboral’ que está a levar a cabo a entidade.

As representantes sindicais criticaron que malia asegurar que o principio de voluntariedade ía presidir a nova regulación de emprego, na realidade estase a “presionar, coaccionar e mesmo ameazar” determinado persoal para “instalo” a que marche, na maioría dos casos traballadoras acollidas a medidas de conciliación, ao tempo que rexeita “de maneira sistemática” moitas das solicitudes de adscrición voluntaria por parte do persoal con máis de 55 anos.

“A realidade é que o Santander está seguindo criterios puramente económicos para aplicar o expediente e botar unha serie de persoas previamente sinaladas", critica Rosa María Conde, secretaria da sección sindical da CIG.

A CIG xa se dirixiu ao banco para que cesen de inmediato estas presións e os ataques aos colectivos vulnerábeis e presentou denuncia na Inspección de Traballo por discriminación. Xunto a isto, a central acordou iniciar mobilizacións para denunciar publicamente a realidade laboral no Banco Santander, de xeito que á xornada de protestas desta sexta seguiralle outra similar o vindeiro 11 de outubro en Vigo. 

Comentarios