CIG aposta por unha resposta "contundente" en Ferrolterra ante a crise do naval

O sindicato considera que, de manterse esta situación, en outubro habería que dar unha resposta que "paralizase a comarca"
O naval, de novo nas rúas
photo_camera Imaxe dunha das numerosas mobilizacións en demanda de carga de traballo

Malia a importante destrucción de empregos destes meses, do sector naval de Ferrol dependen uns 17.000 postos de traballo.Por iso a importancia nesta comarca de todo o que atinxe ao naval. “O tempo esgótase para o naval”, aseveran desde a CIG de Ferrol. E con esta premisa por diante, a central nacionalista considera que é o momento de dar un paso máis, intensificando o ton das protestas e implicando nelas a toda a cidadanía da comarca de Ferrolterra.

Diante da falta de avances na concreción para a data da Comisión de Seguimento do Dique flotante, a ausencia de novos contratos para o naval e os reiterados incumprimentos coa bisbarra, a CIG aposta por dar "unha resposta contundente no mes de outubro e paralizar a comarca para esixir unha resposta política que garanta o mantemento e a recuperación do sector naval público na Ría".

Desde a sección sindical da CIG en Navantia puxéronse en cuestión as informacións interesadas emitidas dende o Goberno galego, nas que se augura o próximo anuncio dun contrato coa petroleira mexicana Pemex, que nesta volta consistiría nun buque hotel, unha vez que, tal e como advertiran os Comités, os prometidos quimiqueiros non irán parar ás instalacións ferrolás. Informacións que non foron realizadas de xeito oficial nin confimadas por ningunha das partes.

Peche

Membros do Comité de Empresa e delegados das empresas auxiliares manteñen o peche indefinido na Casa do Concello de Ferrol, que se prolonga xa unha semana, para denunciar a situación do naval e o incumprimento, incidindo no dique flotante. Os traballadores anunciaron que intensificarán as mobilizacións en demanda de carga de traballo para os estaleiros, a construción do dique flotante e o cumprimento dos compromisos adquiridos polas administracións co sector nos últimos anos.

Comentarios