DENUNCIA QUE O VETO "SOBREVIVE"

A CIG amosa a súa preocupación polo futuro de Navantia, pois está "moi lonxe da construción civil"

A CIG, que lamenta a pouca información facilitada pola empresa, vén de pronunciarse en relación ao contrato de Navantia con Ondimar pola construción de catro petroleiros e amosa a súa preocupación ao constatar que o futuro que tanto a SEPI como a propia Dirección de Navantia teñen decidido para o estaleiro de Fene “está moi lonxe da construción naval civil”.

Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
photo_camera Navantia

A CIG advirte de que a xestión da construción de catro petroleiros corresponderalle a Puerto Real. Isto “implica que serán eles os que decidan canto traballo, e sobre todo a que prezo/hora se subcontratará na ría de Ferrol”, sinala o sindicato, que alerta do risco de que esta posibilidade “se utilice para trasladar perdas dun centro de traballo a outro, como ten acontecido no pasado”.

Ademais, a CIG indica que o traballo que se derive á ría de Ferrol “ en ningún caso será a construción de algún dos buques, senón de bloques que posteriormente deberán ser trasladados a Puerto Real”. Para a central sindical nacionalista “resulta absolutamente contraditorio cos obxectivos explicitados de situar a empresa no marco internacional de competitividade e rendibilidade económica”. E é que Navantia “vai actuar neste contrato como simple prestadora de man de obra para Daewoo, que será a responsábel da enxeñería e de subministrar todos os materiais e compoñentes dos buques”.

Na mesma liña, a CIG sinala que o traballo que se realice terá lugar no estaleiro de Ferrol xa que Fene está saturado coa obra da eólica mariña para Iberdrola, o que considera “unha xustificación absolutamente falsa e ruín”.

O veto para a construción naval en Fene sobrevive

Neste contexto, a CIG denuncia que o veto ao estaleiro de Fene para a construción naval civil, formalmente rematado o pasado 31 de decembro do 2014, “sobrevive dun xeito tanto ou máis evidente que no pasado”. Tamén constata que “a posición de CC.OO. de vincular o futuro de Navantia Ferrol aos programas militares concorda cun deseño estatal segundo o cal Ferrol sería militar, Puerto Real-San Fernando sería civil e a antiga Astano quedaría segregada, ou simplemente evaporada por cuestións de idade”. A CIG salienta que non aceptará “baixo ningún concepto” este deseño, pois “non garante ocupación” nin “garante condicións de traballo dignas para o persoal.

O sindicato insiste en reclamar a construción completa de dous dos buques na ría de Ferrol, o que redundaría, apunta, “nunha mellor xestión dos proxectos” e tamén “en evitar os innecesarios sobrecustes do traslado dos bloques”. A CIG prevé que estes sobrecuestes do traslado irán “en detrimento das condicións económicas do persoal da industria auxiliar”.

Tamén reclama que se adopten as medidas necesarias para a constitución dun Complexo integral da construción naval da Ría de Ferrol, de carácter público, sen vetos nin exclusións de ningún tipo, con participación da Xunta de Galiza no seu consello de administración, con incorporación de persoal no estaleiro de Fene, e co obxectivo e os recursos necesarios para promover o desenvolvemento dunha industria de bens de equipo de alto valor tecnolóxico na nosa comarca.

Comentarios