CIG alerta que Correos podería recortar nos vindeiros 5 anos o seu plantel na Galiza nun 45%

 A central nacionalista denuncia o “progresivo proceso de desmantelamento deste servizo” e dí que nun prazo de cinco anos dos 3.600 traballadores que hai na Galiza poderían pasar a apenas 2.000

CIG correos

A empresa estaría a aplicar esta redución de efectivos coa conxelación da taxa de reposición de efectivos (deixa sen cubrir e desaparecendo os postos vacantes que se xeran por xubilacións, traslados ou por calquera outro motivo), co que non se cumpriría “a prestación dun servizo de calidade, que debería de ser a norma básica na que se tería que mirar este servizo público”.

A CIG alerta que que na provincia de Ourense perdéronse un 40% dos postos do rural en menos de 10 anos.

A CIG-Correos advirte que se continúa a perda de postos de traballo a este ritmo, dos 3.600 traballadores que existen a día de hoxe en Correos en Galiza, “dentro de cinco anos estaremos pouco máis de 2.000 e ninguén se vai facer responsábel desa desfeita que nos levaría á práctica desaparición e á perda dun dos servizos vertebradores desta nación”.

A central tamén indica que non permanecerá de brazos cruzados e exixirá responsabilidades tanto do goberno actual como dos anteriores “que foron os que nomearon aos presidentes de Correos, que se dedicaron tan só a cobrar mentres ollaban impasivos como se empezaba o desmantelamento da empresa sen que fixeran nada para impedilo”.

Comentarios