A CIG afirma que Ferroatlántica “sabota” as materias primas para xustificar o ERE

A dirección de Ferroatlántica quere desabastecer de materias primas os fornos 13 e 14 da factoría para así pechar definitivamente esas unidade produtivas e xustificar un ERE. Así o considera a CIG, que entende que “a paralización dos fornos non obedece a causas obxectivas, senón a un novo intento de deslocalizar a produción”.
 

Ferroatlántica manifestación
photo_camera Manifestación de traballadores de Ferroatlántica. Foto: cedida.

Segundo explica nun comuncado a sección do sindicato nacionalista de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, esta “sabotaxe” ás materias primas “pretende paralizar os fornos polo menos seis meses”. “Queren crear as condicións para tentar xustificar un ERE”, di.

“Ademais de desviar a produción a outra empresa do grupo, neste caso cara á planta de Boo”, expón a CIG, “tamén levan as materias primas, co correspondente custo engadido de transporte e coa imposibilidade de poñer en marcha os fornos no caso de haber pedidos”.

Ferroatlántica atópase en situación de “regulación temporal” de emprego. Nunca antes, asegura o sindicato nacionalista, a dirección da empresa adoptara medidas de desabastecemento de materias primas. Ao ver da CIG, o ERE non se xustifica. “Os centros da Costa da Morte, tal e como se ve nos resultados económicos de 2018, son os máis rendíbeis do grupo no Estado español”, engade.

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica, que convocou unha xuntanza extraordinaria do comité para esta segunda feira, quere iniciar unha rolda de contactos institucionais “para abordar o futuro do complexo industrial da Costa da Morte”. Ademais, quere que a Xunta “actúe de xeito inmediato”  “esixa o cumprimento das obrigas das concesións hidroeléctricas de Villar Mir”.

Comentarios