LABORAL

A CIG advirte de cambios na Reforma Laboral que “eliminan máis dereitos”

O sindicato nacionalista analiza as mudanzas que vén de incluír o Goberno español na lexislación e afirma que, por exemplo, impoñen negociacións centralistas onde hai varios centros de traballo, favorece ás multinacionais estranxeiras ou volve limitar o cobro de prestacións por desemprego.

CIG
photo_camera CIG

Pola porta de atrás, no que moit@s consideran unha práctica habitual do PP, o consello de ministros da semana pasada aprobou o Real Decreto-Lei (RD-L 11/2013) que aplica cambios sobre a Reforma Laboral que o Executivo cualifica de “melloras técnicas” pero que para a CIG “veñen a ser unha nova volta de torca contra a clase traballadora que deterioran aínda máis os seus dereitos”.

Segundo Luís Burgos, do Gabinete Técnico da central nacionalista, “en primeiro lugar, para negociar os EREs, as medidas de mobilidade xeográfica ou de modificacións substanciais, constituirase só unha mesa negociadora, aínda que afecte a varios centros de traballo. Así forzan unha negociación centralizada e centralista, facilitando a integración, en caso de acordo, dun centro de traballo rebelde, por exemplo, porque a CIG é maioritaria”.

Por outra banda, desde o sindicato tamén alertan de que “cando se trate dun despedimento colectivo dunha empresa pertencente a un grupo, só terá que presentar as contas consolidadas cando a sociedade dominante ou principal teña o seu domicilio no Estado español, o que favorece ás multinacionais estranxeiras”.

Por último, as mudanzas na xa moi protestada Reforma Laboral “unicamente poderán ser declarados nulos se non houbo período de consultas, non se entregou a documentación legalmente prevista ou vulneráronse dereitos fundamentais. As empresas saben agora que negociar de mala fe non pode ser sancionado polo xuíz coa nulidade e, ademais, que un despedimento colectivo que non cumpra as causas económicas, produtivas ou organizativas alegadas poderá ser declarado improcedente pero non nulo”.

Ademais, segundo a CIG, o Goberno español aprobou “limitacións na posibilidade de reclamar individualmente contra os despedimentos colectivos e cuestións relativas ao desemprego, de forma que se estás en paro e saes máis de 15 días ao estranxeiro, perdes a prestación. Porén, establécese como suposto de suspensión da prestación a estancia no estranxeiro ate un período de 90 días, ou ben o traslado de residencia ate 12 meses, para a busca de traballo, que ven sendo unha medida de fomento da emigración”.

Comentarios