A CIG acusa Navantia de culpabilizar os traballadores dos despedimentos en Maessa

A sección sindical da CIG de Navantia acusa á compañía estatal de “culpabilizar” os traballadores polos 15 despedimentos da auxiliar Maessa comunicados a sexta feira 23 de marzo. Para a central, a responsabilidade é da “falta de organización” de ambas as dúas empresas.
 

botadura do adelaide en Navantia, Ferrol
photo_camera Botadura dun barco en Navantia, Ferrol.

“O que parece é que Navantia trata de enfrontar os traballadores de cara ao novo plan”, engaden. Segundo expón a CIG nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a dirección de Navantia proponlles aos empregados de Maessa o cambio de profesión en apenas catro días. “A seccións que están a medio desmantelar polas últimas decisións de traslados”, di. Os despedimentos producen retrasos no corte de chapa, realizado por operarios de Navantia.

Para a CIG, esta “desorganización” está a provocar “retrasos considerábeis” debido a “cambios erráticos nos sistemas informáticos”. “Puxéronse en marcha novas incorporacións con toda premura e métodos opacos na parte de enxeñaría, mais non no resto da compañía”, explica o sindicato, que ve detrás destes sucesos unha estratexia “para propiciar a externalización do corte de chapa fóra da comarca”.

“O que se ve con esta situación é a precariedade dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar”, conclúe a CIG, “e a despreocupación ao respecto de Navantia, que ten a sede en Madrid e non lle importa despedir a sexta feira para contratar a semana que vén”.

Comentarios