A CIG abandona a negociación da Lei de Emprego Público ao se manter o plus de altos cargos

A CIG non participará na mesa de negociación da Lei de Emprego Público de Galiza despois de que   representantes da Xunta confirmaran que ían manter o plus de altos cargos. 

O plus de altos cargos é unha das razóns que conduciu a que a Área Pública da CIG se retirarase da mesa de negociación do anteproxecto de Lei de Emprego de Galiza. A Xunta decidiu manter o plus ao tempo que se producen recortes laborais e salariais, razón que a CIG sumou á negativa dos representantes da administración a admitir ningunha das súas emendas para retirarse da mesa de negociación nesta terza feira. 

Nesta cuarta xuntanza, a Área Pública da CIG (formada por CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) fixo público o seu balance dun proceso que conduce, segundo manifestou a unha lei que “nin favorece a recuperación do emprego público destruído, nin se vai frear o deterioro que por mor dos sucesivos recortes sufriron os servizos públicos, nin se posibilita que as empregadas e empregados públicos recuperen dereitos laborais e económicos que lle foron suprimidos nestes últimos anos”. 

Valoración subxectiva para salarios

Xusto nesta cuarta xuntanza, representantes da administración autonómica confirmaron que non se ía reducir persoal directivo, que se mantería a imposición da carreira profesional, ou que non se van dar pasos adiante na normalización lingüística da administración. Valoran como moi grave que a “avaliación do rendemento” subxectiva defina o novo sistema de retribucións xa que supón a materialización da “discrecionalización dos dereitos das e dos empregados públicos cunha "avaliación do rendemento" subxectiva que podería ser o cerne dun novo sometemento político do persoal. 

A respecto do plus de altos cargos, razón que conduciu á definitiva retirada da mesa, María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública, sinala que, malia os intentos non conseguiron a eliminación do que, ao seu ver significa nestes momentos, manter uns privilexios para os altos cargos “cando ás empregadas e empregados públicos nos están recortando os salarios e se nos nega o dereito a cobrar as nosas pagas extra completas”.

Na análise da Área Pública da CIG a lei baterá contra a austeridade dos altos cargos que reclama a cidadanía e defenderá os intereses de quen mandan no que definen como un deseño “extremadamente politizado” da Administración autonómica. “Redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos”, advirte o sindicato nacionalista. 

Comentarios