Cifran en 2.400 euros por vaca as perdas polo cártel do leite

As gandeiros e gandeiros afectados polo pacto de prezos entre industrias lácteas entre os anos 2000 e 2013 poderán reclamar os 2.400 euros por vaca que estima de perdas un bufete coruñés. O prazo para tentar recuperar os cartos finaliza o vindeiro 1 de xullo.
Vacas pastando nunha leira (Xunta).
photo_camera Vacas pastando nunha leira (Xunta).

Boa parte das explotacións lácteas galegas víronse afectadas polo pacto de prezos entre industrias entre os anos 2000 e 2013. Agora, un informe auditor elaborado polo bufete coruñés Carucho, Tomé & Judel cifra en 2.400 euros por vaca os cartos que perderon nese período as granxas que foron vítimas desta manipulación de prezos, sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) con 80,6 millóns de euros de multa para as empresas. 

Coas cifras na man, os responsábeis do bufete calculan que as reclamacións dos gandeiros e gandeiras galegas ascenderán a "centenares de millóns de euros". Neste senso, desde o bufete lembran que até o vindeiro 1 de xullo poden reclamar todas as explotacións gandeiras, tanto as que manteñen a súa actividade como as que fecharon nos últimos anos. Son miles de explotacións e decenas de miles as vacas afectadas. Se multiplicamos os importes por cada vaca e por cada ano, estamos a falar de centos de millóns de euros que poden ser reclamados, apuntan desde Caruncho, Tomé & Judel.

Empresas do cártel

Competencia iniciou un expediente sancionador contra a práctica totalidade das industrias lácteas que operan na Galiza polo suposto intercambio de información sensíbel sobre os prezos de compra de leite de vaca en cru, volumes de compra e excedentes de produción. 

En concreto o organismo regulador exixe 21,8 millóns de euros a Corporación Alimentaria Peñasanta; 20,2 millóns a Danone; 11,6 millóns al Grupo Lactalis; 10,2 a Industrias Lácteas Granada (Puleva); 8,5 millóns a Calidad Pascual; 6,8 millóns a Nestlé; 929.644 euros a Schreiber Food España; 90.000 ao Gremio de Industrias Lácteas de Catalunya; 60.000 euros á Asociación de Empresas Lácteas da Galiza e 53.310 a Central Leiteira Galiza. Tamén figuraban no expediente Industrias Lácteas Asturianas, Grupo Leite Rio, Feiraco Lácteos, Leite Celta, Forlactaria Operadores Lecheros e Central Lechera Asturiana, mais a CNMC declarou prescrita a infracción.

Feche de explotacións

Os acordos entre industrias sinalados por Competencia deixaron as gandeiras e gandeiros galegos sen marxe para negociar os prezos, obrigándolles a vender a perdas en moitos dos casos ou tirar parte do leite producido. Ese prezo inferior por litro é o que agora poden reclamar.

O que xa non se poderá recuperar son os centos de explotacións que se viron abocadas ao feche neste período. "Das 32.000 explotacións gandeiras que había no ano 2000 pasamos ás 6.000 actuais. O cártel lácteo foi responsábel directo do feche de moitas destas explotacións polas súas prácticas abusivas. Converteron o sector nun negocio insostíbel mentres as empresas se enriquecían", denuncia Ignacio Caruncho, socio director de Caruncho, Tomé & Judel Avogados.

Aínda que o procedemento contra as industrias afecta a todo o Estado español, a Galiza foi o territorio máis golpeado polas prácticas do cartel do leite debido ao seu peso no relativo sector. Trátase da oitava rexión láctea a nivel europeo, concentra 55% das explotacións lácteas existentes no territorio español e a metade do leite producido. Porén, as súas granxas seguen a ser as que menos cobran de todo o Estado.

Comentarios