A veciñanza de Oleiros ten unha renda media máis dun 50% superior á galega

As grandes cidades concentran un 42% da renda na Galiza. Datos publicados polo Instituto Galego de  Estatística (IGE) apuntan que os concellos máis poboados conservan unha maior renda municipal. O municipio con maior renda, aínda así, é Oleiros.
Praia no concello de Oleiros (Concello de Oleiros).
photo_camera Oleiros, cunha renda por habitante de 22.959 euros en 2018, segue como o municipio cunha maior renda. (Foto: Concello de Oleiros)

As sete grandes cidades concentran un 42% da renda galega, segundo a renda municipal dos fogares que publicou onte o Instituto Galego de Estatística (IGE). No reparto da renda municipal ten especial influencia que un 36% da poboación galega resida nos sete concellos máis poboados.

Este dato dá unha idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.

A renda total das e dos residentes na Coruña e Vigo supón un 23% do total da renda (e un 19,6% da poboación). Pola súa banda, Oleiros, cunha renda por habitante de 22.959 euros en 2018, segue como o municipio cunha maior renda, este ano un 51,7% superior á media galega (15.132 euros).

Outros seis concellos superan en 15 puntos ou máis a media galega en 2018: A Coruña, Santiago, Bergondo, Nigrán, Ourense e As Pontes. Os de Teo, Lugo e Pontevedra completan os 10 con máis renda por habitante. 

A fonte da renda

A remuneración de asalariados foi a principal fonte de renda de 216 concellos galegos (un 69%). Con todo, en 95, sobre todo das comarcas de Lugo e Ourense, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vinculado ao envellecemento da poboación.

No período 2010-2018 hai catro consistorios nos que a principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado: Friol, A Pastoriza, Portomarín e A Illa de Arousa.

En toda Galiza, as cotizacións sociais pagas cobren un 66,6% das prestacións sociais recibidas polos residentes.

Comentarios