O ciclo de baixos prezos do petróleo chega á súa fin

Dous anos dos prezos do cru a caer axudaron a sustentar a 'recuperación' macroeconómica en economías como a española, moi dependente das importancións enerxéticas. Economistas e analistas advirten que as tornas cambian e iso vai ter efectos na economía e no noso día a día.

petroleo cru plataforma

A festa durou dous anos mais semella que en breve chega a súa fin. O ciclo de baixos prezos do petróleo, que axudou a 'recuperación' macroeconómica de economías como a española, vai finalizar en breve. En setembro pasado o acordo acadado pola OPEP, embora o enfrontamento cainita entre Irán e Arabia Saudí, xa supuxo un primeiro paso, que axudou a que os prezos do 'brent' aumentasen até nun 6%. Non está mal para un produto, o cru que só en 2015 desplomou un 35% e comezou 2016 con caídas do 25%. Pagábase entón o barril de brent a 30 euros, un prezo tan baixo como non se vira desde 2004.

Mais ese escenario parece que vai ser pasado. Un factor determinante, que non o único factor, nesta vaga de baixadas de prezos foi o enorme excenso de oferta, a sobreprodución. Unha OPEP en desorde, uns Estados Unidos cunha produción desafiante e da man do 'fracking' (EUA exportaba cru por primeira vez en 40 anos)... Todo se combinou para dous anos de intensa redución de beneficios e investimentos.

Cambian as tornas. O ministro de Enerxía de Arabia Saudita, Jaled el Faleh, vén de advertir que se acabaron os bos tempos de prezos baixos. Unha advertencia que en boca do principal produtor mundial non é para tomar a brincadeira. Nicolás Maduro, presidente de Venezuela, outra potencia produtora, chamou a estabilizar os prezos do cru. Na mesma liña, Vladimir Putin apostou en que haxa recortes de produción para garantir estabilidade. Rusia e Arabia Saudita, canda Estados Unidos, son os tres principais países produtores. A OPEP, cártel de países produtores, camiña cara a fechar a billa e producir menos.

Consecuencias

A comezos de 2016 algúns analistas e economistas xa advertían a economías como a española que se fosen preparando porque prevían que de cara ao final de 2016 ía acabar o ciclo de baixos prezos do petróleo. Daquela o barril de brent estaba nos 30 euros, o que non facilitaba escoitar malos agoiros. Outubro comezou co prezo nos 50 euros.

Estes meses de petróleo barato foron moi favorábeis para os países importadores, como o Estado español, que compra fóra o 99% do crú que consome. O petróleo baixo propiciou que a factura enerxética española encollese en 2015 en máis dun 30%. Unha ganga. Os analistas consideran que por cada caída do 10% no prezo do crú o PIB aumenta un 0,1 ou 0,15%.

Foi este ciclo un sustento do medre económico español ao tempo que látego de economías de países como Venezuela ou Brasil. Agora van cambiar as tornas, segundo anuncian desde algúns dos principais países produtores. Un cru ao alza, unido á parálise do comercio mundial e as dúbidas sobre o enfriamento económico chinés, poden dar lugar a unha 'treboada perfecta'.

Comentarios