luns 06/12/21

A chegada da primeira fronte invernal fai fumegar a térmica das Pontes

Endesa volve activar un dos grupos da central térmica das Pontes, en dispoñibilidade desde o pasado mes de xullo, mentres agarda polo feche definitivo.
Central térmica das Pontes (Foto: Sergio Formoso).
Central térmica das Pontes (Foto: Sergio Formoso)

O fume volveu saír onte da cheminea da central térmica de carbón das Pontes. Endesa, ante o previsíbel aumento da demanda pola chegada da primeira vaga de frío invernal á Península, retomou a actividade da instalación, en situación de dispoñibilidade desde o pasado mes de xullo, mentres agarda pola autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica para o seu fechamento definitivo.

A eléctrica levaba semanas almacenando carbón no porto exterior de Ferrol. En total, unhas 142.000 toneladas que os transportistas comezaron a carrexar cara ás instalacións de Endesa hai agora unha semana a razón dunhas 4.000 toneladas ao día. 

Segundo fontes da propia compañía "non é posíbel determinar canto tempo permanecerá nesta situación de todo excepcional, xa que Endesa segue co seu compromiso de clausura das súas centrais de carbón e continúa coa tramitación da autorización administrativa para o feche da instalación, en cumprimento dos obxectivos europeos de descarbonización e pola falta de competitividade da propia planta".

O feche estaba inicialmente previsto para o pasado 1 de xullo, pero as alegacións da Xunta e do Concello das Pontes ao plan de fechamento levaron o Ministerio de Transición Ecolóxica a modificar o trámite administrativo e alongar o proceso coa petición de novos informes que, no caso de Endesa, segundo confirman estas mesmas fontes, xa foron entregados o pasado verán.

Decisión "precipitada"

Desde a Xunta, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinala que a reactivación da planta de Endesa nas Pontes evidencia que a decisión do Goberno estatal de fechar todas as centrais ─realmente foron as empresas as que tomaron esta decisión─ "foi unha precipitación".

"Fomos os primeiros en fechar todas as centrais térmicas e agora somos os primeiros en reactivalas. É unha situación incoherente que só está a pasar en España e que desde logo ponnos nunha situación de enorme dificultade, tanto para garantir o prezo eléctrico competitivo ás familias e ás pemes, como para garantir a subministración", resumiu Conde.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Nesta liña, cualificou de "erro" o feito de que o Estado español vaia "en contra dos criterios" doutros países europeos "que non están a depender exclusivamente do gas", o que instaura tamén a "dúbida razoábel" de que, se non estivese As Pontes, as garantías de subministración "non son tan sólidas" como o eran até o de agora.

O anuncio de feche por parte de Endesa colleu o departamento de Conde co pé cambiado. O Executivo galego aferrouse entón á opción de queimar nas Pontes lodos de depuradora, unha alternativa que xa foi desbotada pola propia empresa pola súa inviabilidade desde o punto de vista económico, xa que requiriría dun forte investimento e, ademais, non solucionaría o problema das emisións e dos seus custos asociados. 

Con todo, a reactivación da central supón que estes días estean a traballar no grupo activo perto de 70 traballadores e traballadoras propias de Endesa e outras tantas das empresas contratistas que prestan os seus servizos para a súa explotación.

A chegada da primeira fronte invernal fai fumegar a térmica das Pontes
comentarios