luns 25.05.2020

Chaves para evitar ser vítima de estafas na internet nos tempos da COVID-19

Co confinamento medraron os delitos na internet.
Co confinamento medraron os delitos na internet.

Desde o inicio da crise pola COVID-19 até o pasado mes de abril, a Policía Nacional española bloqueou perto de 50.000 dominios na internet que estaban a ser empregados para prácticas ilegais. 

O feito de que as cidadás permanezan confinadas nas súas vivendas fai que aumente o uso de internet, sobre todo para facer compras. Nas últimas semanas, a unidade de Ciberdelincuencia da Policía española detectou unha tentativa viral de fraude a través de 'phishing', facéndose pasar por unha multinacional de loxística. Estas estafas tamén afectaron a Correos, entidades bancarias, oficinas de emprego e servizos sanitarios, entre outras.

Como indican a Nós Diario fontes do Corpo Nacional de Policía (CNP), as delincuentes aproveitan a circunstancia do confinamento pola COVID-19 para centrarse neste tipo de estafas. Por exemplo, válense do descoñecemento dos procedementos das axudas para traballadoras afectadas por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para suplantar o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Neste senso, inciden na necesidade de que, tanto particulares como empresas teñan presentes estas recomendacións.

O banco non pide datos 

As falsas mensaxes de entidades bancarias solicitando datos persoais ou contrasinais son unha das prácticas máis habituais. Os bancos alertan á súa clientela para que non facilite datos de carácter persoal, xa que non adoitan pedilos e que, en caso de dúbida, e antes de facer nada, contacten coa propia entidade.  E nunca compartir contrasinais.

As ligazóns curtas, sospeitosas

A Policía tamén invita a escapar de ligazóns curtas que non aclaran moi ben a onde levan e que poden provocar a instalación dun software malicioso nos equipos informáticos. Moitas veces son arquivos adxuntos con mensaxes suxestivas. Hai que escapar delas.

Conexións seguras

No caso das transmisións de datos sensíbeis, como o número dunha tarxeta de crédito ou dunha conta bancaria, asegurarse de que no navegador aparece un cadeado amarelo ou fechado para verificar que os datos van mandarse cifrados. Neste senso, recomendan comprobar os certificados de seguridade nas páxinas que requiren datos persoais.

Arquivos dos chats

Aínda que esteamos a falar con coñecidas a través de chats de aplicacións de Whatsapp, debemos extremar a precaución cos arquivos que se reciben.

Antivirus e actualizacións

Na loita contra o 'phishing' o antivirus tamén xoga un papel fundamental. Ao igual que acontece cos sistemas operativos e navegadores, é recomendábel mantelo sempre actualizado.

Só fontes oficiais e directas

Non abrir ningún correo de remitentes descoñecidos. Mellor mandalos directamente á caixa do lixo. No caso de ter dúbidas sobre a orixe da mensaxe, acudir sempre ás fontes oficiais para verificar que o envío corresponde a quen di facelo. E sempre, ante calquera indicio de ilegalidade, acudir á Policía.

comentarios