Chaman a pendurar mandís nas xanelas para simbolizar que o traballo doméstico tamén vai á folga

A CUT propón ampliar a folga xeral tamén ao eido das tarefas do fogar e os labores asistenciais, cunha “folga de coidados” coa que denunciar os recortes en políticas sociais

Despois de propor estender a folga xeral do próximo 14N ao consumo, a Central Unitaria de Traballador@s vén de suxerir ampliala tamén ao ámbito do traballo doméstico, cunha “folga de coidados”.

Baixo a consigna “Nós producimos, nós paramos” a Secretaría das Mulleres da CUT chama a que “cada muller e cada home amose, colgando un mandil da súa fiestra, que no interior dos fogares os coidados tamén han de parar para denunciar as políticas antisociais que están a recortar as nosas posibilidades dunha vida digna e con liberdade”, explican.

Desde o sindicato sinalan que “o traballo doméstico ou de coidados é imprescindíbel para a subsistencia e o benestar das persoas”. “Sen esas actividades, que historicamente desenvolvemos as mulleres, debido a un inxusto reparto do traballo, non sería posible sacar adiante ás crianzas nin manter a saúde e a vida de maiores e adultos” acrecentan. Porén, denuncian que a pesar da importancia desas tarefas ese traballo fica invisibilizado e non se valoriza socialmente. Aliás, critican que os recortes en política sociais están a “desviar cara as mulleres a presión asistencial”.

Comentarios