A cesta da compra dispárase na Galiza

Galiza lidera a suba do prezo dos alimentos no Estado mentres os salarios seguen caendo. A presión inflacionista déixase notar na cesta da compra. Mentres no conxunto do Estado os alimentos rexistran unha alza media de 1,5% no último ano, no país a suba sitúase en 2,4%, co peixe, ovos e froita tirando dos prezos. As previsións apuntan a novos incrementos no custo dos produtos básicos nos vindeiros meses.
O prezo das froitas rexistrou unha importante alza durante este ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo das froitas rexistrou unha importante alza durante este ano. (Foto: Europa Press)

A cesta da compra está disparada na Galiza. Segundo os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para o mes de xullo, os prezos dos alimentos e das bebidas non alcohólicas incrementáronse no último ano no país en 2,4%, sete décimas por riba da media estatal e cunha suba só superada pola cidade autónoma de Melilla. A este respecto, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) advertiu do peor comportamento dos prezos na Galiza, denunciando que “a suba da cesta da compra foi a máis pronunciada da península” e cualificándoa “como un dato preocupante”, xa que “de seguir esta tendencia, podería chegar a duplicarse o seu o custo para o fechamento do ano”. 

O encarecemento dos alimentos marca na Galiza o 2,4% fronte ao 1,5% da media estatal. Dentro destes, destacou a alza de 4,4% do peixe fresco e conxelado; de 4,2% dos ovos; de 4,1% da carne de polo; de 3,9% da froita fresca; de 3,8% da carne de ovino e de 2% do pan. Na totalidade dos produtos, o aumento foi maior na Galiza á media estatal, destacando a diferenza rexistrada no peixe fresco e conxelado, malia o liderado galego no complexo pesqueiro.

As organizacións de persoas consumidoras explican este peor comportamento pola estrutura de funcionamento centralizado dunha parte do sector de distribución alimentaria, cuxo modelo de xestión penaliza os custos loxísticos e apostan por primar o comercio de proximidade. 

Os aceites e a as graxas rexistran un encarecemento de 2,1%. Neste caso, o incremento respondeu a unha caída da produción, a unha suba da demanda a nivel internacional e á repercusión aos consumidores dunha porcentaxe dos custos de explotación a partir do mes de maio. Outra alza importante experimentárona a auga mineral, refrescos e zumes, cun aumento ao longo do ano de 8,3%, escapando á tendencia xeral o prezo do leite, cun descenso de 0,2%, oito décimas menos que a media estatal. Neste sentido, o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, sinala a Nós Diario, que “este comportamento responde a que a distribución emprega o leite como produto de reclamo” e lembra as mobilizacións convocadas pola súa organización diante dos locais de Mercadona na Galiza.

Da Cal denuncia que os produtores non se están beneficiando deste aumento de prezos nos lineais dos supermercados. “Os labregos non son capaces de repercutir os custos de produción”, comenta o coordinador da Fruga, quen afirma que “descoñecemos se os beneficios fican na distribución ou na distribución e na industria, pero o que si temos claro é que estes non chegan aos produtores”. Neste sentido, a totalidade do sector primario critica o incumprimento práctico das disposicións normativas para a fixación de prezos na cadea alimentaria.

Galiza encabeza a caída do poder adquisitivo na UE

O encarecemento dos prezos dos produtos básicos coincide cunha caída significada do poder adquisitivo. Segundo un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE), os salarios reducíronse na Galiza no ano 2020 en 4,3%, certificando unha baixada só superada en toda a serie histórica no ano 2012, cando asinaron unha contracción de 6,5%. Esta caída superou a media da Unión Europea, declarando só Italia, cunha redución de 7%, uns números peores que a Galiza.

A caída dos salarios é moito máis acentuada entre as poboacións con menos recursos. Segundo sinalan os economistas da Universidade Complutense Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez e o profesor de Oxford Juan César Palomino nun estudo titulado Efectos da Covid-19 sobre a desigualdade e a pobreza en España, na Galiza “a perda salarial dos pobres foi de 18,7%” desde o comezo da pandemia, unha tendencia que se repetiu no conxunto do Estado e que evidenciou un impacto diferente da crise en función do nivel de renda. Nesta liña, salientan que “os individuos que xa eran pobres antes da Covid-19 sofren as maiores perdas salariais” e conclúen que se agrava “a situación de pobreza dos traballadores que xa eran pobres antes da pandemia”.

Sebastián, Rodríguez e Palomino destacan que “a pobreza aumentou na Galiza desde o comezo da pandemia en 8%” e a “desigualdade en 2,9 no índice de Gini”. No mesmo traballo, afirman que “con anterioridade ao comezo da pandemia o índice de Gini -o valor 0 representa a máxima igualdade- situouse en 39,5, pasando na actualidade a 42,4”. A este respecto, constataron que o crecemento da desigualdade na Galiza foi idéntico ao de Asturias e Estremadura e superior ao de Nafarroa, Madrid, A Rioxa, Castela e León, Canarias e Cantabria.

O custo da vida fica sen control

A suba do Índice de Prezo ao Consumo (IPC) no último ano é de 3,5% coa luz tirando para riba do custo da vida. Só desde xullo do ano pasado o prezo da “electricidade” ten aumentado en 24%, impactando gravemente na economía de particulares e negocios.

Comentarios