César Pérez, investigador da USC: "Non podemos tomar decisións sobre o monte se non temos información"

Pérez Cruzado, enxeñeiro de montes e investigador da Universidade de Santiago (USC) na Escola Politécnica Superior de Lugo, é un dos artífices do inventario forestal continuo que promove a Xunta da Galiza. En dous anos estará rematado polo que advirte da necesidade de contar con este proxecto para o Plan forestal.
O investigador César Pérez Cruzado (USC)
photo_camera O investigador César Pérez Cruzado (Foto: USC)

Que datos tivemos até o inicio deste inventario?

A fonte de información máis importante que dispuñamos era o inventario forestal estatal. É un sistema de monotorización que dá información cada dez anos, aínda que cando se traballa a unha escala tan grande sempre hai atrasos. Galiza, ao ser unha potencia mesmo a nivel mundial neste eido polas propias condicións que ten, conta con algúns datos propios a nivel de axentes bióticos e abióticos que causan danos nos bosques. A xustificación de ter que realizar un inventario na Galiza é que estas fontes nalgúns aspectos non satisfacían as nosas necesidades para tomar decisións de xestión de alto nivel, da Xunta, e tamén para formar os distritos forestais.

Como é ese inventario no que traballa?

De entrada é unha mostraxe con base probabilista, semellante ao inventario forestal estatal na metodoloxía. Consta dunhas parcelas de campo que se medirán cunha certa periodicidade. Tomamos datos da cantidade de árbores, do seu tamaño e de que especies se tratan. Ademais empregaranse imaxes de satélite de distintos tipos para caracterizar o compoñente espacial. Saberemos onde están e se hai novas zonas de bosque ou as que deixaron de selo.

Con que prazos conta?

O proxecto ten unha duración de tres anos. Está dividido en dúas fases. Na primeira, na que nos atopamos, é de deseño e comezou en marzo. Logo haberá unha fase de posta en marcha na que se traballaría naqueles aspectos operativos que sería necesario definir para pór en marcha definitiva o propio inventario. O de continuo ten que ver con que terá unha continuidade, non haberá unha única avaliación. No caso de que os datos non satisfagan o promotor do proxecto, a Consellaría de Medio Rural, poderá continuarse no tempo.

Sería imprescindíbel dispor deste inventario para elaborar un plan forestal que funcione en beneficio do noso monte? 

Desde logo que si. Non se pode xestionar aquilo que non se coñece. Non podemos tomar decisións sobre o monte se non temos información, polo menos baseadas nun xuízo obxectivo. Esta é a información que faltaba. Aspectos relacionados coas superficies, onde están os bosques e como son.

Tamén con que especies contan e se hai ou non unha xestión activa. Esa información é crucial para implementar un plan forestal, non se pode facer doutra forma. As fontes que temos agora no Estado non chegan a ese nivel de detalle, nin polo tempo en que se realizan nin polo seu espazo. Tampouco dá pé a que se lle engada nova información, que sería moi interesante para a Galiza, polo seu propio deseño. 

Como se debería xestionar o monte para conseguir asentar poboación no rural?

Na Galiza é rara a persoa que non teña unha propiedade forestal. Está moi distribuída. É bo porque está moi democratizada mais tamén ten o problema endémico de que se presenta distribuída en moitas propiedades pequenas, hai moito parcelamento. Mesmo saber onde están por parte de herdeiras e herdeiros limita que eses montes sexan xestionados de forma adecuada. Ordenar as propiedades e saber a quen pertencen podería ser, a curto prazo, o que máis favorecería o asentamento de persoas con xestión activa que obtivesen rendas no rural. As consecuencias da non xestión son as que vivimos en 2017 cos fatídicos incendios

Como achegar a importancia do monte a unha poboación galega cada vez máis urbana?

Habería que reestruturar a propiedade e sairían máis propietarias e propietarios. Houbo un cambio de tres xeracións. Na primeira existía alguén sobre o terreo que xestionaba os montes e había un control dos incendios. Tiñan unha división moi alta mais non importaba. A segunda xeración recibiu esas parcelas e aínda sabía onde estaban, mantiñan certa actividade de xestión directa as fins de semana ou a través de contratar alguén. A terceira xeración, na que estamos, é aquela na que a través da lectura dunha herdanza a persoa é consciente  de que ten unhas terras mais non sabe nin onde están nin que fará con elas. Aquí é onde se perde potencial de xestión e córrese o risco de que medren matogueiras e rematen cunha carga de combustíbel que poden pór en perigo mesmo poboacións. 

As empresas consultoras de enxeñaría téñenme contado que en obras de explotación de autovías unha parte moi importante de parcelas afectadas por tramos de autovía quedan sen indemnizar por non localizar a propietaria ou o propietario. Imaxine cando a parcela é forestal e as rendas son moito máis cativas e exixe unha xestión máis activa. En Francia, nas zonas de alta importancia forestal, solucionárono ao pór en valor a cultura e a actividade rural. Conectan persoas que viven no medio rural para ver exemplos de xestión. 

Comentarios