“O cerco galego é o que sae máis prexudicado da negociación europea das cotas"

O recorte de 20% na xarda e de 24% no xurelo ao sur de Fisterra pon esta frota nunha situación “preocupante”, recoñecen desde Acerga.

o sector do mar rexistrou en 2014 20 sinistros mortais

Os ministros de pesca da Unión Europea acadaron após 22 horas de negociación un acordo por unanimidade dos Totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas pesqueiras para 2018. Un acordo no que a frota galega, embora esquivar importantes recortes que se propoñían nun principio nalgunhas especies, sae obrigada a pescar menos. “O cerco é o que sae máis prexudicado da negociación”, afirma en conversa con Sermos Galiza Andrés García, da asociación de armadores do cerco de Galiza. “Déixanos nunha situación preocupante”.

Sinala o recorte de 20% na xarda e do 24% no xurelo ao sur de Fisterra. Nesta última especie hai un aumento de 21% no cantábrico, mais para García vimos de tres anos máis que complicados nesa área e esta suba non compensa. Confía nunha negociación con Portugal para un bo reparto do xurelo para 2018. “Este ano, se non for por ese acordo con Portugal e unha redestribución teríamos que ter parado en outubro”.

E fica aínda por saber o que vai pasar coa sardiña. De aprobarse o feche da especie ou importantes recortes, os cerqueiros galegos (e non só eles, tamén outras artes menores) consideran que será o "desastre total".

Na negociación en Bruxelas acordáronse recortes de 12% para pescada do sur mentres que rapante ten un aumento de 20% en augas ibéricas, e a raia en 15%.

Comentarios