A central térmica das Pontes fechará a finais de xuño

Fontes da dirección de Endesa confirman a 'Nós Diario' que só dispón de carbón para 15 días e, unha vez rematado, porá fin á súa actividade.
Central térmica das Pontes (Foto: Sergio Formoso).
photo_camera Central térmica das Pontes. (Foto: Sergio Formoso)

Endesa, marca comercial no Estado español da multinacional enerxética italiana Enel, deixará de producir electricidade na central térmica das Pontes a finais deste mes mes.

A compañía, que vén de convocar unha reunión coas centrais sindicais e o Concello das Pontes, para a vindeira sexta feira, día 6 de xuño, ten decidido non mercar máis carbón no mercado e unha vez rematado o stock de mineral pór fin a actividade industrial no concello do Eume.

Segundo fontes da dirección da compañía consultadas por Nós Diario, Endesa só dispón de carbón para quince días e unha vez consumido o mineral deixará de producir electricidade por esta tecnoloxía e continuar coas previsións efectuadas pola empresa no marco da transición enerxética.

Precisamente, foi a alza do prezo da luz no mercado grosista o que levou Endesa a volver á actividade nas Pontes, atendendo unha solicitude nesa dirección do Goberno do Estado.

Endesa retomou a actividade no mes de outubro de 2021, tras manter durante cinco meses apagada a planta, porén esta tivo un carácter parcial, xa que só funcionou un dos catro grupo xeradores cos que conta Alcoa.

Neste sentido, a entrada en funcionamento desta fase da central contribuíu a que Endesa aumentase a produción de electricidade en 17% no primeiro trimestre de 2022.

A compañía, propiedade da empresa pública italiana Enel, ten anunciado a posta en marcha de diferentes proxectos empresariais nas Pontes, entre eles unha planta de hidróxeno ligada a diferentes parques eólicos a levantar na comarca. Porén, o seu desenvolvemento definitivo está condicionado a recibir axudas públicas para o proxecto a cargo do programa Next Generation.

Comentarios