Centos de viticultores reivindican en Ourense axudas directas polas xeadas: “O viño é o noso pan”

A manifestación reclamou á Xunta compromiso e solucións para paliar os danos causados no sector.

mani xeadas Imaxe de @anovaourense
photo_camera Imaxe de @anovaourense

Após Ribadavia e Verín, Ourense foi a praza elixida polos viticultores para manifestarse nesta terza feira, 23 de maio, e exixir á Xunta que abra unha liña de axudas directas para os produtores afectados polas xeadas que a finais do pasado mes de abril estragaron boa parte das colleitas na provincia ourensá. A mobilización estaba convocada pola Fruga, SLG, Asociación galega de Viticultores e UU.AA e reunía a máis de mil produtores, segundo cálculos da Policía Local.

Os manifestantes lembraron que “o viño é o noso pan” e a importancia da viticultura en toa esta área sur de Galiza, onde é un alicerce económico fundamental. As xeadas de hai un mes provocaron perdas millonarias e deixaron nunha situación preocupante a máis de 2.000 familias. Os produtores piden á administración galega que habilite unha liña de axudas directas, como fixo en anteriores ocasións co sector da Ribeira Sacra ou ben co sector lácteo.

“En defensa do agro. Axudas directas pola xeada” era o lema que abría a manifestación que, partindo do pavillón dos Remedios finalizou perante a Delegación da Xunta. Na marcha, os tambores de Viana marcaron o ritmo ao tempo que as demandas de solucións.

Comentarios