Máis de 700 tractores levan a Curtis a batalla por un prezo xusto para o leite

O comercio local volveu fechar en apoio ás demandas dos produtores, que mobilizaron máis de 700 tractores. Os protestos intensificaranse para a semana.

Tractorada leite rural
photo_camera Imaxe: @@revistaafriga

Outra vez centros de tractores nas estradas para demandar un prezo xusto para o leite galego. Desta volta, en Curtis, concello que tomou o relevo a Sarria, Vilalba, Ordes ou Lalín nas mobilizacións do sector leiteiro. Novamente, o comercio local fechou durante unhas horas en solidariedade e apoio aos produtores da comarca. A demanda mantense desde o inicio da vaga de mobilizacións: que se pague o leite a un prezo xusto.

A tractorada de Curtis pon o ramo a unha semana de mobilizacións, accións reivindicativas que volverán para a semana de camiño ao gran acto de protesto que se prevé para o 7 de setembro en Compostela: 5.000 tractores que se irán concentrar na capital do país durante 3 días.

Os gandeiros lembran que das 10.000 explotacións galegas, a máis de 3.000 estáselles a pagar o litro por baixo dos 26 céntimos cando o custo de produción anda polos 36 céntimos, segundo admite o propio Ministerio. Diversos cálculos sitúan as perdas do sector en case catro millóns de euros cada semana. Os produtores exixen a implicación do goberno galego e español para atinxir un acordo que permita percibir prezos xustos, tal e como se fixo en Francia e como se está negociando en diferentes países europeos. Mais, polo de agora, Xunta e Estado non están polo labor.

Comentarios