Centos de persoas maniféstanse na Rúa contra o feche do centro de control de Iberdrola

A eléctrica ten previsto o fechamento da instalación, que entrou en funcionamento en 1955 e é a de maior antigüidade do Estado español.

A Rua iberdrola cig

Iberdrola está presente na Galiza desde os sesenta do século pasado, aquela década na que o deseño franquista para o noso país como fornecedor de electricidade ao resto do Estado se traduciu na construción de grandes infraestruturas hidráulicas con enormes custos sociais, económicos e ambientais.

O Centro de Control de Conca (COC) do río Sil da Rúa é desde onde se controlan as centrais hidroeléctricas do país así como os empregos na Galiza. Unha instalación, que entrou en funcionamento en 1955 e é a de maior antigüidade do Estado español. Porén, a súa conservación non entra na liña estratéxica actual de Iberdrola.

Centos de persoas manifestáronse este domingo na Rúa contra o peche do centro de control de Iberdrola, convocados polo sindicato CIG. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou ao remate da marcha que con esta mobilización a central sindical quere trasladarlle a súa solidariedade aos traballadoresafectados e afecatdas por esta decisión empresarial e denunciar o que está a suceder, “pero tamén queremos deixar claro que existen alternativas que temos que forzar mediante a mobilización”.

Carril fixo fincapé en que o que está a suceder con Iberdrola demostra até que punto é urxente a derrogación da reforma laboral que permite que as empresas poidan tomar decisións unilaterais sen importar as consecuencias que teñan para unha comarca e para as persoas afectadas.

“E isto prodúcese nun momento no que estamos a vivir unha auténtica emerxencia nacional e social, pero non como consecuencia da crise derivada da covid, senón que o noso país en xeral, e esta comarca en particular, levan moito tempo padecendo un proceso de desertización produtiva e industrial e o abandono máis absoluto. Mais o poder instalado na Xunta de Galiza só provoca máis dependencia e máis submisión ás grandes empresas”, aseverou.

Lembrou que a CIG leva tempo reivindicando unha tarifa eléctrica galega e que as centrais hidroeléctricas sexan xestionadas de novo polo poder público, “porque temos dereito que a produción de enerxía reverta no noso beneficio”. Nesta liña, lamentou que empresas como Iberdrola estean a impoñer unha ditadura de prezos que nos abocan á pobreza enerxética, mentres o noso país non pode tirar rendemento da produción enerxética.

Comentarios