Centos marchan en Marín en apoio á flota cefalopodeira a 4 días dunha votación chave para o seu futuro

Ao berro de “nin a España nin a Europa lles importa a nosa flota”, a manifestación denunciaba o ano de inactividade desta flota por mor dunha decisión da UE. Desde a CIG alertan da posibilidade de ficaren definitivamente excluídos e mesmo de seren “moeda de cambio” dos intereses doutras flotas. Vídeo no interior

CIGmarin
photo_camera CIGmarin

Máis unha vez, a veciñanza do Morrazo saíu á rúa en defensa e solidariedade para coa flota cefalopodeira, que cumpre 14 meses de inactividade mais que non se resigna á desaparición, expulsada do seu “último grande caladoiro”, en palabras da CIG-Mar. Se antes da entrada na UE faenaban nesas augas 170 barcos galegos, o seu número fora reducíndose até os 24 que nos últimos anos pescaban o polbo en Mauritania, e que desde fins de xullo de 2012 foron vetados por un novo acordo pesqueiro coa UE.

Antes da entrada na UE neses caladoiros faenaban 170 buques galegos. A día de hoxe, ningún.

Unha multitude marchou por Marín en apoio á flota cefalopodeira e demandando unha solución xusta. Despois de meses de mobilizacións e de denunciaren a falta de apoio da Xunta e do Goberno español na renegociación do acordo, as esperanzas do sector reactiváronse após a comisión de pesca do Europarlamento instar ao seu rexeitamento.

Procura de apoios

O Parlamento Europeo debaterá o día 7 e votará o próximo 8 de outubro a ratificación do acordo pesqueiro con Mauritania, día até o cal apuran as súas xestións os integrantes da flota para lograren o voto negativo do maior número posíbel de deputado@s. Esta mesma semana, acompañados de Ana Miranda (BNG) e xunto á delegación gobernamental española e galega, mantiñan unha xuntanza en Bruxelas cos grupos de IU, PSOE, UPyD e PP, así como de forma paralela co grupo da Alianza Libre Europea (da que fai parte do BNG), así como co Bloco de Esquerda, PCP e con Bildu.

Vence: "A frota galega debe volver a ese caladeiro"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, sumouse á manifestación. “O Parlamento Europeo debe votar en contra deste acordo inxusto que penaliza dun xeito arbitrario a nosa frota, tendo en conta que todos os estudos científicos confirman o bon estado do stock de polbo no caladoiro africano”, explicou.

Vence criticou a “irresponsabilidade política” do PP, quer no Goberno central quer na Xunta, incapaz de defender os intereses da flota galega ante a Comisión Europea durante o proceso de negociación. “Agora urxe que este acordo fique rexeitado e iniciar de inmediato a redacción dun novo protocolo que, esta vez si, inclúa á flota galega”, explicou.

Comentarios