Centos de gandeir@s exixen que a Xunta se mova e garanta un prezo digno para o leite galego

As organizacións Fruga, Sindicato labrego, Unións agrarias e Xóvenes agricultores, arrincan un compromiso do director xeral de Medio rural: manter unha xuntanza o día 9 deste mes. Mais xa lle advirten de que o contrato ''será unha ferramenta cando contemple un prezo que nos permita vivir do noso traballo, non antes''
Mani do agro 4 de outubro de 2012

"Como é posíbel que a distribución pague a cisterna do leite a 38 céntimos o litro e os gandeiros o cobremos a dez céntimos menos?" A pregunta aparece recollida no manifesto asinado por centros de produtor@s que esta quinta feira se mobilizaron ás portas de San Caetano para denunciar "algo que xa ninguén descoñece: o abuso e estrangulamento do sector gandeiro e do tecido económico que hai ao redor", explicou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato labrego, encargada da lectura dun documento que subscribían tamén as outras tres centrais agrogandeiras --Fruga, Unións agrarias e Xóvenes agricultores--.

Así as cousas, os e as gandeiras erguéronse contra "a indiferencia e o abandono" que din recibir da actual Xunta de Galiza, a quen levan tempo reclamando que actúe de intermediaria para que o contrato homologado non consolide un prezo marcado "unilateralmente" pola industria. Sinalaron os e as traballadoras do agro que o contrado aplicado desde hoxe non garante "para nada" que o prezo que se vai cobrar estea negociado e cubra os custos de produción, custos que aseguran superan xa os 36 céntimos. "Non aceptaremos unha candidade que non os cubra, que non nos permita vivir do noso traballo", acrecentaron.

A trampa do prezo medio: máis de 9 mil explotacións cobran por debaixo
Matizaba o documento que, se ben o prezo medio está nos 28,5 céntimos, esa cantidade "agocha" que máis de 9 mil granxas das 12 mil que hai a día de hoxe no país recibiron por litro 26 ou 27 céntimos. "É moi difícil de entender que na Galiza se pague o litro catro céntimos menos que en Asturias e 5 que en Andalucía", pois o 50% das explotacións gandeiras están aquí e producimos o 40% do leite. Porén, no que atinxe ás cantidades que lles pagan aos e ás produtoras, estamos na última posición do estado.

"O contrato pode ser unha ferramenta cando teña prezos que nos permitan vivir do noso traballo. Non antes". Para acordar os termos, as catro organizacións arrincaron do director xeral de Medio rural un compromiso: manter unha reunión o día 9 en que estudarán a maneira de acabar "con esta extorsión da industria". Así, Manuel Dacal, coordinador xeral da Federación rural galega, recordou algunhas das causas de que tal "extorsión" se estea a producir, e que pasan polo "desmantelamento" de todas as ferramentas que entre 2005 e 2009 se puxeron en marcha desde a consellaría do ramo, dirixida por Alfredo Suárez Canal.

O que houbo e botaron abaixo
Referiuse Dacal ao estabelecemento dun banco de terras para garantir que os eidos non quedasen a hermo, a posta en marcha dun Observatorio do leite, infraestruturas agrarias, pastizais que axudaban a aforrar nos custos de produción, as explotacións sustentábeis e os organismos interprofesionais funcionaban. Na Galiza empezou a se falar de contratos, e chegou a se publicar un contrato homologado no DOG referido ao leite. Durante os catro anos de goberno bipartito estívose a piques de conseguir un grupo lácteo galego coa compra da planta de Pascual por Alimentos lácteos.

Mais tamén aí meteu man a Xunta do PP. Das 16 cooperativas que se xuntaran nun primeiro momento, Feiraco a pioneira porque xa tiña experiencia en transformación e comercialización de leite. A nova consellaría desprazou estas e colocou outro grupo, liderado por dúas --Gancobre, da Pastoriza; e Arzuana, propiedade dun concelleiro do PP de Touro, Eugenio Montero, quen é tamén titular doutra das cooperativas que fan parte de Alimentos Lácteos, Perpetuo Socorro--.

Comentarios