Centos de comités piden a derrogación da reforma das pensións

CIG xubilación

CIG fixo entrega nas sete principais cidades galegas de, afirman, centos de pronunciamentos recollidos entre comités de empresa e delegados de persoal reclamándolle ao Goberno español a derrogación da reforma das pensións de 2011 para non perder definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou no acto na Delegación do Goberno na Coruña, lembrou que a reforma aprobada en 2011 polo Goberno de Rodríguez Zapatero, “co apoio de UGT, CCOO e a patronal”, eliminou o dereito á xubilación parcial, fixando un período transitorio que finaliza este 31 de decembro. "De non reverterse, esta medida suporá afondar na perda de dereitos que levamos anos padecendo e que se agudizou baixo o pretexto da crise económica: atraso da xubilación aos 67 anos, introdución do factor de sustentabilidade, ampliación do tempo para o cómputo da base reguladora, incremento do número de anos para cobrar a pensión completa, etc.", afirmou.

Sobre a relevancia de restablecer o dereito á xubilación parcial aos 61 anos, Paulo Carril subliñou que Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración. "A precariedade e a falta de emprego está a provocar que a xente máis nova e mellor preparada teña que emigrar", denunciou.

Mais tamén, continúa Carril, "é preciso  aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos".

Comentarios