Análise

A celulosa de Altri: exemplo de localización industrial atípica

Antonio Presas é xeógrafo e escritor.
Transporte de madeira de eucalipto por estrada. (Foto: José Muñoz Carrasco).
photo_camera Transporte de madeira de eucalipto por estrada. (Foto: José Muñoz Carrasco).

Calquera industria que se pretenda instalar nun determinado lugar debe analizar, coidadosamente, todos os factores que favorezan esa localización. Durante o século XIX e boa parte do XX, cando dominaban as "industrias sucias", eses factores de localización eran bastante simples e así aparecen nos manuais de Xeografía Industrial, pero desde os anos 70-80 cambia o emprazamento da maioría desas industrias. Deslocalízanse e van para outros países nos que apenas existe normativa medio ambiental e as condicións esixidas para a súa implantación son mínimas, incluso, inexistentes. Cando menos, son os propios Gobernos deses países os que negocian a súa chegada, en condicións moi favorables para esas industrias que buscan novos lugares onde asentarse.

Tendo isto en conta é sorprendente que unha industria típica do século XIX, con grandes emisións de gases contaminantes, vapor de auga e vertidos líquidos moi cuantiosos ao río Ulla, tente instalarse, en pleno século XXI, nunha zona que non reúne as condicións e características adecuadas para ese fin.  Se analizamos un por un, todos os factores que teñen peso ou poden ser decisivos e determinantes para a locación desta macroplanta de celulosa, vemos que resultan insuficientes, non xustifican tal localización no concello de Palas de Rei (A Ulloa) e, incluso, a maioría deles son claramente negativos.

Son varios os factores de carácter puramente industrial, de tipo clásico ou moderno, que se poden ter en conta para a localización dunha industria básica de transformación dunha materia prima (madeira de eucaliptos) en produtos elaborados intermedios (celulosa e lyocell), sen levar a cabo posteriores transformacións en produtos finais elaborados, que son os que, realmente, contribúen á mellora da economía dunha zona xeográfica, á creación de numerosos postos de traballo e a atraer outras industrias auxiliares. No caso de Palas, a celulosa vai resultar, desde o punto de vista industrial, como unha illa no medio dun vasto océano ou como un oasis no medio dun deserto.

—Abundancia e proximidade de materias primas. Esta celulosa atoparase semideslocalizada respecto das grandes masas forestais de eucaliptos de Galicia, situadas na costa e non no interior da comunidade. Situar a planta industrial en Palas de Rei significa desprazala dos lugares centrais de aprovisionamento de materia prima. Outras materias primas a usar, como a pedra caliza (que deberán transformar) localízase a bastante distancia, en pleno interior da provincia de Lugo.

—Fontes de enerxía próximas. A celulosa atopase perto da LAT 220 kV Belesar-Mesón do Vento, a uns 3,8 km, pero o abastecemento de enerxía eléctrica require a construción dunha custosa e complexa derivación. Respecto do gas natural, non é posible a súa conexión a un gasoduto.

—Capital e equipamentos. En canto aos equipamentos, depende doutras industrias localizadas, moitas delas a miles de quilómetros de distancia e iso implica un mantemento difícil e custoso para todo o complexo industrial.

—Proximidade doutras industrias complementarias. Non hai industrias perto nin industrias auxiliares que poidan subministrar maquinarias e reposicións, nin tampouco outras industrias que transformen en produtos elaborados a celulosa e o lyocell que vai a producir este complexo industrial, completamente illado.

—Dispoñibilidade de terreos. En principio, a celulosa non dispón de terreos propios, depende da negociación con varios propietarios contra os que pode esgrimir de forma avasaladora a Lei de expropiación forzosa, unha nefasta forma de abuso de poder.

—Mercado para a produción. En canto ao mercado no que vender a produción desta fábrica, estamos ante outro caso de illamento comercial. Tanto a celulosa como o lyocell non teñen mercado nacional e deberán exportarse a terceiros países, algúns deles localizados a miles de quilómetros de distancia.

—Márketing. Se entendemos por marketing a "arte de vender", estamos ante un caso no que non existe márketing, senón globalización, que impón a escala mundial as necesidades de consumo (manipulación dos consumidores). Respecto da convicción que poidan ter os cidadáns da conveniencia desta industria, estamos ante un caso de rexeitamento xeneralizado por parte da poboación, tanto da contorna, como da maior parte de Galicia, que contempla como os poderes públicos xogan un sucio papel ao servizo do capitalismo globalizado.

—Vías de comunicación. En principio, esta industria non está ao lado de ningunha vía de comunicación, porque carece de accesos directos, unha infraestrutura que aínda se debe construír. A vía de comunicación máis próxima é a estrada N-547 (Santiago-Lugo) e a autovía Santiago-Lugo, a punto de terminarse, após 28 anos do comezo as obras (1996). Non existe ningunha vía ferroviaria pola zona.

—Medios de transporte. Debido ao seu carácter de industria illada, todas as posibilidades se reducen ao transporte por estrada mediante grandes automóbiles. Por medio de grandes camións levarase a celulosa aos portos de embarque, para un posterior traslado ás industrias de segunda transformación localizadas mesmo fóra do continente europeo.

—Man de obra. A man de obra que poida empregarse no proceso de produción da celulosa é un dos grandes enigmas e ten sido obxecto de especulacións realmente incribles. Mais o que menos lles importa aos promotores é a creación de postos de traballo para empregar á poboación local, porque teñen perfectamente calculado que a maior parte dos empregos directos e indirectos serán cubertos por persoal do exterior, incluídos inmigrantes.

—Apoio gubernamental.  Axudas económicas. Este é o factor de localización máis importante e que desafía os criterios xeográficos de localización industrial clásicos, porque esta fábrica nace de criterios puramente especulativos, vendidos con artimañas tanto a Unión Europea (industrializaión do continente por medio de industrias non contaminantes de ultima xeración), como aos concellos da zona, aos que se lles prometeu sacar do seu atasco económico con esta industria de efecto económico multiplicador.

Intrusismo industrial

En resume, esta é unha fábrica de tipo colonial, que se establece nun territorio polo que se están a expandir as plantacións de eucaliptos, seguindo patróns industriais, concebida para transformar en primeira instancia unha materia prima, a madeira de eucaliptos, en celulosa e lyocell (se chegan a contar cunha tecnoloxía que non dispoñen na actualidade), produtos que se exportarán a outros países, da mesma forma que fixeron no século XIX as metrópoles europeas nas súas colonias de Macao, Mozambique, Angola, Cabo Verde, Goa ou Brasil. Daquela, segundo os manuais de Historia, recibían o nome de "factorías" e agora, neste caso, cambian o seu nome coa inverosímil denominación de "industrias de economía circular".

A celulosa de Palas de Rei será un claro exemplo de intrusismo industrial, que, a maiores, terá uns custos de produción sobreelevados, os que, a súa vez, terminarán repercutindo sobre os produtores (os propietarios dos eucaliptais) e non sobre os produtos transformados, a fin de poder competir internacionalmente nos mercados.  Ao final, os enganados serán sempre os paisanos afectados pola instalación da industria.

Calquera ampliación desta industria ou a implantación doutras industrias auxiliares de transformación dos produtos obtidos, quedará hipotecada polas características desta fábrica que sobreexplota os recursos hídricos ante a imposibilidade de contar con máis recursos hidráulicos na zona.

Comentarios