O Celta tamén une a Mouriño e o conselleiro Xosé González

Os camiños de Carlos Mouriño, empresario vigués e presidente do Celta, e Xosé González, conselleiro de Medio Rural, volven cruzarse novamente no terreo de xogo. Desta vez no da cidade deportiva que o clube vigués pretende levantar no concello de Mos, ante a oposición dos propietarios dos terreos afectados. 
O conselleiro Xosé González, primeiro pola esquerda, no acto de colocación da primeira pedra da cidade deportiva do Celta (Nós Diario).
photo_camera O conselleiro Xosé González, primeiro pola esquerda, no acto de colocación da primeira pedra da cidade deportiva do Celta (Nós Diario).

s vinculacións entre o actual Executivo da Xunta e o presidente do Celta, Carlos Mouriño, a cuxos contactos co Goberno azteca atribúen dende México a consecución do contrato de Pemex para a construcción dos floteis nos estaleiros galegos, salpican tamén os seus intereses empresariais no grupo GES, a empresa familiar dos Mouriño, pero tamén o Real Clube Celta de Vigo, do que é presidente e máximo accionista.

 O nexo común do Executivo de Alberto Núñez Feixoo e Carlos Mouriño non é outro que o conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez. Na súa anterior etapa laboral, González exercía como inspector de Facenda na Delegación de Vigo. Foi nesa época cando a Axencia Tributaria designou ao agora conselleiro como administrador no proceso concursal no que estaba inmerso o Real Clube Celta de Vigo, xa presidido polo empresario Carlos Mouriño. Tempo despois, sería o negocio das bodegas de viño o que volvería a unir a ambos, aínda que González Vázquez xa non declaraba tal vinculación cando foi nomeado conselleiro. E agora, por terceira vez, os camiños de Mouriño e o Conselleiro de Medio Rural volven unirse, pero desta vez no terreo político. 

O conselleiro, retratado

Nas mans do departamento que dirixe González Vázquez está o futuro da Cidade Deportiva que o Celta prevé levantar no concello de Mos. O informe de Medio Rural, con carácter vinculante, é un dos que precisa a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para sacar adiante a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que faga posíbel a construción do complexo que, ademais de campos de fútbol, prevé un centro comercial.

Segundo declararon a Nós Diario os responsábeis da Comunidade de Montes de Tameiga, unha das más afectadas polo proxecto do Celta, a noticia das vinculacións entre Mouriño e González colleulles "por sorpresa", pero algo xa sospeitaban. "Agora empezan a encaixar as pezas e dá sensación de que teñen liña directa con Medio Rural", apuntan. 

Un feito para eles "contraditorio" foi a presenza do propio conselleiro no acto de colocación da primeira pedra da Cidade Deportiva do Celta. "Non se explica que o mesmo conselleiro que ten que poñer a firma nun informe sobre a legalidade da mesma estea nun acto no que se dá por feita", critican desde a comunidade de montes. Tamén indican que son varias as expertas que consideran o proxecto "coxea xuridicamente" á parte de constituír unha "aberración medioambiental", non só porque deixarían á comunidade de montes sen o pouco monte que lles queda entre os vieiros que vertebran a área metropolitana de Vigo, senón tamén porque nese monte tamén hai cinco comunidades de auga que levan alí preto de 40 anos e non teñen a alternativa do servizo municipal. Son unhas 1.600 tomas das que se benefician unhas 4.000 persoas. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios