Cebreiros (CEP) suxire un "cambio de actitudes" na patronal

O presidente da patronal de Pontevedra, Jorge Cebreiros, considera un erro a dimisión de Díaz Barreiros
Jorge Cebreiros, presidente da patronal de Pontevedra (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jorge Cebreiros, presidente da patronal de Pontevedra (Foto: Nós Diario)

Após unha semana frenética na patronal galega, con nomeamento e dimisión de presidente incluídas, chega o momento de analizar a situación. Hoxe foi a quenda do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, unha das persoas críticas co desenvolvemento do proceso electoral. De feito, avogou por suprimir o voto delegado nas eleccións da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), porque "perverte" o sentido democrático do proceso. 

Cebreiros considerou a dimisión de José Manuel Díaz Barreiros un "erro", e cuestionou os argumentos dados polo agora ex presidente para presentala. Nesta liña, sinalou que a CEP "non pode asumir" que se xustifique esa decisión porque a organización reclamase información, xa que está "no seu absoluto dereito" de pedir eses datos sobre as votacións. 

Na súa opinión cre que "se podería evitar todo este balbordo" se a confederación galega fose "transparente" desde o principio e informase no momento. "A CEP non tiña como obxectivo impugnar un acto no que participamos", subliñou, e lembrou que el mesmo estivo "na foto" da proclamación de Díaz Barreiros porque "era o lóxico" en aras da unidade, unha vez que Pedro Rey retirou a súa candidatura

Cebreiros amosouse especialmente crítico co voto delegado. Segundo denuncia, houbo "tres persoas que levaron 105 votos delegados", o que é "unha perversión da democracia", especialmente cando hai medios para que se poida votar telematicamente.

"Por que hai que levar delegacións? Por que tres persoas poden decidir o futuro da organización?", cuestionou o presidente da CEP.

Para Cebreiros "non parece prudente convocar eleccións de maneira inmediata". Antes diso precísase, dixo, dunha "reflexión" e dun "pacto de cabaleiros" na CEG para permitir que os 180 representantes empresariais voten "libremente", co "compromiso" de "renunciar ao voto delegado".

"Temos que modificar o funcionamento da organización, e non é necesario un cambio de estatutos, senón de actitudes", proclamou o presidente da patronal pontevedresa, quen advertiu de que "esperar, volver aos vicepresidentes e modificar os estatutos" resultaría unha perda de tempo".

Comentarios