CCOO e UGT, partidarias de non tomar aínda unha decisión sobre a folga xeral

A CIG reiterou a ambas centrais a proposta dunha convocatoria unitaria para o 26 ou 27 de setembro.

CIG, CCOO e UGT mantiveron este xoves unha xuntanza na que sobre a mesa se puxo por parte da central nacionalista a ideonidade de convocar unha nova folga xeral, que entendería adecuada para o 26 ou 27 de setembro. Mais desde CCOO e UGT amosáronse partidarios de esperar un tempo, e volver manter unha xuntanza a comezos de setembro para, entón, volver a tratar o tema.

Segundo explicou ao remate da xuntanza o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, houbo coincidencia na valoración da situación económica e social derivada das políticas que está a adoptar o PP. “Concordamos son medidas dun enorme calado e supoñen un grande retroceso nos dereitos sociais, económicos e mesmo políticos e que isto require unha resposta importante de todo o movemento sindical, intentando implicar tamén ao maior número de organizacións sociais posíbel para que sexa unha resposta moi global de toda a sociedade”.

Porén non se chegou a un acordo a respecto da convocatoria de folga xeral. A CIG mantivo a necesidade de convocala o 26 ou 27 de setembro, ante as medidas que xa anunciou o goberno e as que se van ir aprobando durante o mes de agosto, nos sucesivos Consellos de Ministros e ante a perspectiva de que se aproben uns orzamentos restritivos para o ano 2013. “Parecíanos que era o momento de anunciar esa convocatoria de folga xeral e traballar nesa perspectiva. Eles son partidarios de agardar”, sinalou Seixo.

Referendum

O secretario xeral da CIG explicou que CCOO e UGT están máis centrados na campaña de exixir un referendo e que apoiarían a convocatoria de folga xeral se efectivamente o goberno non o convoca. A CIG celebrará unha executiva extraordinaria para valorar a situación, tendo en conta que o que si se acordou foi celebrar unha nova xuntanza a principios de setembro para valorar o escenario e intentar fixar, en función diso, unha data para a convocatoria de folga xeral. “Nós temos o firme convencemento e eles coido que tamén, de que o goberno non vai convocar ese referendum”.

Seixo indicou que a central sindical valoraría a proposta de CCOO e UGT, entendendo que “non tería ningún sentido convocar dúas folgas xerais en Galiza con pouca diferenza de días”. Porén, afirmou que “non tería sentido agardar dous ou tres meses para facela porque as circunstancias sociais e económicas son tan duras que a resposta de folga xeral ten que estar aí”.

Comentarios