Catalunya rivaliza con Galiza por producir a vacina rusa Sputnik V

A patronal Pimec "explorará vías" que permitan distribuír e fabricar a vacina rusa Sputnik V en Catalunya
Vacina rusa Sputnik V (Foto: Ashraf Amra / APA).
photo_camera Vacina rusa Sputnik V (Foto: Ashraf Amra / APA)

Galiza amosou hai unhas semanas ante o Ministerio de Industria e as autoridades rusas a súa disposición a fabricar no país a vacina Sputnik V para a Covid-19, unha medida que, ademáis de importantes ingresos e carga de traballo, permitiría acurtar o proceso de vacinación e acadar antes do verán a chamada inmunidade de grupo. 

Mentres desde o Goberno español gardan silencio sobre esta cuestión, ao fondo soberano ruso RDIF non paran de xurdirlle 'noivas'. A última, a patronal catalá Pimec. Hoxe, o seu presidente, Antoni Cañete, anunciou que a institución está en conversas co fondo ruso co obxectivo de "explorar vías para favorecer a autorización, distribución e fabricación da vacina Sputnik V en Catalunya".

Nun comunicado, a patronal defendeu que actualmente hai 55 países que a aplican e que a vacina ten unha eficacia do 92%, polo que Cañete remarcou que "non é o momento de priorizar a xeopolítica, senón de admitir todas as vacinas posíbeis e seguras para salvas vidas e recuperar a economía".

Neste senso, considerou "inadmisíbel o modesto obxectivo de alcanzar 30% da poboación vacinada ás portas do verán" porque, dixo, podería prexudicar á tempada turística, e lamentou "que non se aproveitan todas as opcións posíbeis para acelerar o proceso" de vacinación contra o coronavirus.

Comentarios