Así será a primeira empresa de produción enerxética pública do Estado, impulsada pola Generalitat

O Govern prevé aprobar nos próximos meses os estatutos da compañía.
As grandes eléctricas sumaron beneficios millonarios no último exercicio pola venda de enerxía (Foto: Europa Press).
photo_camera O obxectivo inicial é fornecer enerxía á propia Generalitat. (Foto: Europa Press)

O Govern catalán xa traballa na constitución da que sería a primeira compañía enerxética pública do Estado destinada tanto á produción como á comercialización.

Así, desde a Generalitat prevén aprobar no vindeiro outono os estatutos desta empresa pública, cuxo obxectivo é "influír no mercado eléctrico", nun momento de alza do prezo da electricidade.

Porén, segundo precisou nunha entrevista á axencia EFE a directora xeral de Enerxía catalá, Assumpta Farran, o fin último non é "competir co resto de comercializadoras", mais si ser capaz de "subministrar enerxía á propia Generalitat a prezos estábeis".

Non se descarta que finalmente torne nunha comercializadora para a poboación catalá

"Podería chegar a ser unha comercializadora, mais non faría a competencia ás 600 compañías que xa hai no mercado", precisou, ao tempo que aclarou que a Generalitat "respectará as regras do xogo", separando as actividades de xeración, distribución e comercialización.

O pasado novembro o Govern de Pere Aragonès xa encargara o plan de deseño e creación da nova compañía e o grupo de traballo de persoas expertas comezou artellar diversos estudos previos para poder iniciar o proxecto.

Aínda está por determinar, segundo esta mesma información, que tipo de modelo de sociedade empresarial elixiría a Administración catalá.

Comentarios