O 'caso Alcoa' fica pendente de que Alemaña extradite Joachim Magin

O responsábel da compra das plantas de aluminio na Coruña e en Avilés foi detido en Alemaña.
Protesta por unha solución na fábrica coruñesa, en marzo de 2022 (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protesta por unha solución na fábrica coruñesa, en marzo de 2022. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O final do 'caso Alcoa', a causa na que a Audiencia Nacional pon o foco nas presuntas irregularidades na venda das fábricas de aluminio da Coruña e de Avilés, atópase pendente de que o responsábel da compra das plantas pase a disposición xudicial tras ser detido en Alemaña.

Fontes xurídicas explicaron a que a causa evolucionará cara a un procedemento abreviado cando a titular do Xulgado Central de Instrución Número 3 poida tomar declaración a Joachim Magin, o administrador único de System Capital, vehículo investidor que utilizou o Grupo Industrial Risco para comprar as plantas.

Con todo, as mesmas fontes non precisan os prazos nos que Alemaña, o Estado en que foi detido, procederá á entrega de Magin. Iso si, na causa non faltan dilixencias pendentes de práctica máis aló da declaración do propio detido.

As fontes consultadas aseguran que o traballo realizado pola Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) deixou claras as presuntas irregularidades que deron lugar á apertura da causa.

O 'caso Alcoa' naceu a finais de 2020, cando a Confederación de Cadros Profesionais (CCP) presentou unha querela, á que posteriormente se sumaron os demais sindicatos, pola "existencia de diversas irregularidades" na venda das fábricas de aluminio da Coruña e Avilés por un presunto incumprimento dos acordos alcanzados coa propietaria inicial e cos representantes sindicais do persoal de ambas as factorías.

A Sala do Penal da Audiencia Nacional revogou en decembro de 2022 o arquivo provisional acordado en xullo do mesmo ano pola xuíza María Tardón para Alcoa e os seus representantes.

No momento da revogación, a Sala do Penal da Audiencia Nacional lembrou que a investigación "non finalizou", sinalando que están "pendentes de resolverse" as comparecencias de supostos prexudicados.

No seu auto, os maxistrados da Sección Terceira da Audiencia Nacional explicaron que o sobresemento ditado o pasado xullo para Alcoa Inespal e os seus representantes foi "prematuro".

Comentarios