Case 13.000 galeg@s elixirán o 28 deste mes as 63 ‘alcaldías do mar’

As 63 confrarías galegas renovarán os seus órganos de goberno tras anos sen se convocar eleccions. 

Mariscadoras de Noia tras rematar a faena. Foto: JM Lage
photo_camera Mariscadoras de Noia de tras rematar a faena. Foto: JM Lage

Non foi sen tempo. Tras anos de espera, as 63 confrarías de pescadores existentes en Galiza renovarán os seus órganos de goberno. Será nas eleccións deste 28 de xaneiro. Uns comicios que levaban anos paralisados (antes realizábanse cada catro anos) mentres a Xunta preparaba unha nova norma que os regulase e ‘unificase’. Xa está a norma e xa se pode votar. Por primeira vez, votarase nestes 63 pósitos ao unísono. Perto de 13.000 persoas teñen dereito a participar para elexir o que popularmente se ten chamado ‘alcaldías do mar’.

Son 12.859 persoas as que figuran nos censos e con dereito a votar. Delas, 8.308 son mariñeiros e mariscadoras. As 4.551 restantes son armadores. O alto número de ‘armadores’ galegos devén de que son os propietarios das embarcacións. E na flota de baixura de Galiza hai miles de pequenas embarcacións artesanais para faenar ao día. Nada que ver, logo, coa imaxe de ‘armador’ que se poida ter.

Os comicios desenvolveranse en 3 partes, tal e como establece a normativa de convocatoria de eleccións que regula todo este proceso electoral e detalla todos os pasos a seguir en cada momento para elixir o patrón maior e os membros do cabido. En primeiro lugar realizaranse as eleccións nas 63 confrarías de pescadores de Galicia, despois celebraranse as votacións nas 3 federacións provinciais e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Galicia.

Noia, con 1335 socios, A Illa (895), Rianxo (740) e Cambados (606) son as confrarías máis grandes en canto a número de persoas asociadas.

Comentarios