Análise

A casa das leas do empresariado galego

A Confederación de Empresarios da Galiza leva nunha situación de inestabilidade décadas. A última sorpresa foi a renuncia do novo presidente, o ourensán José Manuel Díaz Barreiros, tan só dous días de resultar elixido para o cargo.
Alberto Núñez Feixoo co presidente dos empresarios pontevedreses, Jorge Cebreiros. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo co presidente dos empresarios pontevedreses, Jorge Cebreiros. (Foto: Europa Press)

O conflito é o estado natural da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) nas últimas décadas. A axitada presidencia de Antonio Ramilo na década dos 90 rematou abruptamente á volta de 2000, após descubrirse irregularidades contábeis na entidade e un desfalco de 6,3 millóns de euros. O seu sucesor e antagonista, Antonio Fontenla, iniciou unha nova etapa que se alongou até 2013, marcada, máis unha vez, por dúbidas sobre a xestión financeira, destacando, entre estas, a utilización dos fondos do programa de internacionalización empresarial Pexga para sufragar gastos persoais dos directivos do colectivo. A caída de Fontenla deu paso ao segundo de Ramilo, José Manuel Fernández Alvariño, obrigado a dimitir tras confirmarse contratacións da CEG con algunhas das súas empresas.

O fracaso da última tentativa de dotar a patronal galega dun presidente non é máis que outro capítulo desa traxicomedia. A Confederación de Empresarios da Galiza leva desde xaneiro de 2018 na interinidade, após a dimisión de Antón Arias, sucesor no cargo de Antón Dieter e dirixida por unha xestora formada polos responsábeis das organizacións empresariais provinciais, onde actúa como voceiro Antonio Fontenla.

Foi precisamente Fontenla quen impulsou a candidatura e promoveu á presidencia o ourensán José Manuel Díaz Barreiros, que renunciou ao cargo só dous días despois de ser elixido, ao coñecerse as queixas da patronal pontevedresa e de varias entidades sectoriais sobre o sistema de votación na asemblea onde o escolleron.

Os resultados do último proceso electoral dentro da CEG e a decisión do sector de Fontela de convocar unha nova asemblea para o 15 de xaneiro non fai máis que aumentar a tensión dentro da entidade. As primeiras críticas a esta decisión procederon das asociacións do empresariado pontevedrés, tradicionalmente enfrontado ao sector de Fontela, quen denunciaron que “os órganos directivos son os únicos competentes para convocar eleccións” e criticaron que a convocatoria xurda da “xunta de vicepresidentes, única e exclusivamente un órgano asesor”.

O pronunciamento deste sector da patronal fíxose público despois de que o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, votase en contra da realización con tanta urxencia dunha nova asemblea.

A credibilidade da Confederación de Empresarios da Galiza está baixo mínimos, a súa imaxe, claramente deteriorada, e a súa debilidade é evidente. Tanto é así que a Xunta da Galiza e o presidente Alberto Núñez Feixoo observan con moita preocupación a situación e urxen un cambio de rumbo no colectivo.

Ao tempo, desde o Goberno galego consideran prioritaria unha renovación xeracional na CEG que rache co seu pasado e nese sentido apostan pola saída de Antonio Fontenla da entidade. Fontenla, construtor e socio nalgúns negocios da familia do ex alcalde coruñés Francisco Vázquez, está considerado como o auténtico poder na sombra da patronal e impulsor das últimas candidaturas á presidencia do colectivo. O groso dos socios e socias da entidade dan por feito que o novo aspirante a máximo responsábel da CEG vai saír, tamén, do círculo de Fontenla.

Comentarios