'Daquí darredor' abre o seu mercado quincenal en Brión

Carme Freire: "Sempre dicimos na asociación que buscamos conservar os sabores e os saberes"

‘Daquí darredor’ é un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas e gandeiros. Está formado por un grupo de persoas que levan case quince anos loitando por dignificar e difundir a elaboración de produtos caseiros. Contan cunha cociña situada no Centro Comercial Monte Balado, en Brión. En breve agardan contar co primeiro matadoiro móbil de todo o Estado español. Unha das súas integrantes, Carme Freire, estivo desde os inicios nesta experiencia e fala dela para 'Nós Diario'. 
Carme Freire no mercado Daquí Darredor no Centro Comercial Monte Balado de Brión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme Freire no mercado Daquí Darredor no Centro Comercial Monte Balado de Brión. (Foto: Nós Diario)

-Como naceu o proxecto?

Todo un grupo de persoas da Maía, do Sar e do Barbanza levabamos tempo tentando poder vender legalmente, sen que nos perseguiran, pois estabamos a expensas de que nos multasen dicindo que podía enfermar a xente. Nós sabemos que non é así, e a experiencia de todos os nosos devanceiros demostrouno. Bebemos das fontes das nosas avoas e nais, que levan toda a vida facendo conservas e os produtos elaborados en xeral. Seguimos estando nesa situación, nunca se nos quixo dar un soporte legal sen desvirtuar introducindo  procesos ou ingredientes industriais para conservalos. 

Mesmo coa automatización para que todo o produto saia sempre igual... para iso xa están as industrias grandes ou pequenas. Queremos conservar sempre a maneira de facer e tamén os sabores. Sempre dicimos que buscamos conservar os sabores e os saberes. Con esta idea levabamos case quince anos de loita xunto organizacións agrarias e entidades asociativas.

Na nosa proposta hai tamén un compoñente económico. Se nos obrigan a meter na nosa casa instalacións para elaborar os produtos, sería a nosa ruína por ser pequenas producións. A Administración non o entende e pídenos un local para facer masas, outro para conservas, e así co pan, xeados, queixos e todo o que queiramos elaborar. 

Trazamos unha proposta colectiva mais desbotamos crear unha cooperativa ou unha empresa por querer que fose un servizo público de transformación de alimentos. Petamos en varias portas eses anos e, ao final, o concello de Brión hai catro anos tramitou, co apoio da Deputación, a instalación que agora temos.

-Con que contan agora mesmo?

Temos dúas cociñas. Son dúas liñas para facer nunha masas, doces e salgadas, e outra coa que elaboramos froitas, como zumes e marmeladas, e hortalizas. Ademais contamos cun almacén e unha aula na que ofrecer obradoiros. Estabamos en feiras e iniciamos un mercado habitual que terá continuidade todas as primeiras e terceiras sextas feiras de cada mes. A idea é que non sexa un espazo de compra-venda, senón tamén un espazo de relación e lecer que cremos fundamental para recuperar esta forma de vender. Buscamos a confianza para que a xente vexa como elaboramos os produtos das nosas hortas. Para min o máis importante é que sexa público e que veña quen o precise de calquera parte da Galiza, teña moita ou pouca produción. A única condición é que saiban como funciona e se é preciso, facilitámoslles un pequeno curso para saber como funcionan as máquinas, a limpeza e organizarse. A auténtica revolución deste proxecto é que está xestionado pola propia xente.

-Teñen moita saída os elaborados que realizan?  

Contamos con dous rexistros sanitarios, un para a cociña de masas e outro para a de conservas. Temos pedidos en tendas e restaurantes ademais das persoas que nos compran nos mercados. Alén diso, contan connosco en varios comedores escolares que levaban anos querendo mercarnos. Algo que temos moi claro é que non queremos saír do mercado local e sempre venderemos en proximidade. É a concepción que temos na nosa asociación.

-Cal será a vindeira novidade?  

Será un matadoiro móbil que posibelmente teremos a finais deste mesmo ano. Irá polas casas e, de momento, poderá funcionar con aves. O deseño está practicamente rematado.

Comentarios