sábado 06.06.2020

Carme Adán: “O modelo de Feijóo é o do vello colonialismo, a venda do país por parcelas”

Desde o BNG afirman que o noso país está a vivir unha "primavera negra" para a industria. Ao fío desa denuncia, entrevistamos á deputada nacionalista Carme Adán coa que analizamos a situación do sector e as súas propostas. Entre elas salienta unha aposta decidida por alargar a presenza pública na economía.

Carme Adán [Imaxe: SG]
Carme Adán [Imaxe: SG]

Recentemente denunciou no Parlamento que Galiza está a vivir unha "primavera negra" na súa industria. A que se refire? 

Vivimos a caída libre e sen rede do tecido industrial galego. Podemos enumerar os  casos como de industrias que esta primavera pechan as súas portas ou reducen persoal en todos os sectores como Gamesa, T-Solar, Caramelo, Darty, Alimentos lácteos, Unísono, Biofabri ou como o naval lonxe de saír do túnel cada vez ten máis difícil o mantemento do emprego en Vigo e Ferrol. Sen un sistema financeiro que opere a modo de “rede”, todos os indicadores apuntan  a unha perda importante de empresas no sector eólico, fotovoltaico, naval, alimentario, téxtil ou mesmo na auxiliar do automóbil.

No I+D+i os datos mostran tamén a queda rexistrada en só catro anos. En 2008 tiñabamos 1930 empresas con actividades innovadoras e en 2011 eran só 1241, un 30% menos. No mesmo período as empresas  tecnoloxicamente innovadoras pasaron de ser 2.152 a 1.643. Como se ve o  de primavera negra queda curto para a desfeita que está a supor Feijóo e o seu goberno.

Son numerosas as problemáticas laborais que acaban sendo obxecto de debate no parlamento. Como cualificaría a actuación do Goberno galego en relación ao emprego e aos conflitos laborais abertos?

A devolución do tax lease podería ser o golpe definitivo para o naval

O goberno galego é un mero espectador. Como moito actúa de comentarista da situación que vive o emprego e as industrias mais non ten nin plan de futuro nin intención de modificar a situación. Feijóo acepta e comparte decisións de Madrid como eliminación das primas as renovábeis ou o desmantelamento do sector naval galego. 

Joaquín Almunia anticipou xa que desde a Comisión Europea obrigarán que se devolva cando menos parte do tax lease dos últimos anos. Que valoración se fai desde o BNG?

Isto podería ser o golpe definitivo para o naval. Un sector que cómpre lembrar só en catro anos perdeu sobre 10.000 postos de traballos directos en Vigo e preto de 12.000 en Ferrol. Comarcas nas que os sindicatos falan dunha destrución industrial de máis do 60%.  Galiza pasou de ser punteira nesta actividade a vivir un verdadeiro esborralle, de ser líder pasou á terceira posición por tras de Euskadi e Asturias. A nivel europeo países como Holanda son os que abandeiran a construción neste momento. A retroactividade do tax lease sería unha medida inxusta que sorprende veña proposta por alguén que se denomina socialista como Almunia. A postura do BNG a ese respecto foi sempre moi clara en Galiza, Madrid e Bruxelas.

Tax lease, o veto á construción naval civil en Ferrolterra, a expatriación de Barreras que pasa a ser controlada por Pemex... Que propostas formulan para que o naval teña futuro?

De man do PP retornamos á Galiza de fai corenta anos, aos anos da emigración forzosa

Feijóo sempre tan remiso a falar en termos de presenza pública nas empresas. Mesmo actuou de comercial para vender Barreras a unha empresa pública mexicana. Toda unha mostra de como entende gobernar. Prometeu dique flotante para Ferrol, e a día de hoxe non hai nada. Centro de reparacións para Ferrol e para Vigo, e a día de hoxe non hai nada nada. E dos floteis de Pemex? Sabemos algo? Só que a empresa pensa transferir coñecemento a México a través da súa compra. Na última xuntanza cos sindicatos do naval denunciaban con impotencia como toda a formación e o bo facer dos traballadores deste sector emigra a Euskadi ou Holanda. Hoxe semella que de man do PP retornamos á Galiza de fai corenta anos, aos anos da emigración forzosa.

En relación a Pescanova, propuxeron a apertura dunha comisión de investigación. Cren que hai algo oculto tras a grave situación que atravesa a empresa?

Esta empresa ten un peso importantísimo na economía galega. Durante anos recibiu axudas públicas moi cuantiosas, incluso o goberno Fraga fixo un plan acuícola a súa medida. A Xunta participa da empresa a través dunha filial e agora vemos pola prensa que o imperio desmorónase como un castelo de naipes. Semella que algunha cousa hai que investigar. Estamos falando de moitos cartos de todos e todas os galegos, de moitos postos de traballo e dunha marca simbólica e moi valiosa para Galiza. Feijóo ante esta situación, de novo, actúa de espectador. O modelo de Feijóo é o do vello colonialismo, a venda do país por parcelas por exemplo a multinacionais da megaminaría contaminante.

Apostaron tamén por que a Xunta aumentase a súa presenza no accionariado, e tamén na dirección, de Pescanova, mesmo a través dunha posíbel expropiación parcial. Que motiva esta proposta?

A iniciativa pública e a participación pública na xestión empresarial para nós é unha alternativa fronte o colapso do actual modelo económico

Unha economía que teña o seu centro en Galiza necesita un sistema financeiro propio, nós apostamos porque sexa público. Da mesma maneira entendemos que ante a ineficacia, mala xestión e incluso malgasto que fixeron as empresas dos cartos públicos é o momento de revisar a sistema de subvencións, xa que o que se fixo até agora foi socializar as perdas das empresas. Para nós é fundamental non perder a galeguidade da marca e o núcleo central da empresa. Sabemos que poden existir os denominados tiburóns interesados en vender a prezo de saldo a cota de mercado e a flota deste empresa. Francamente consideramos que é o momento de propor outras alternativas e nesa liña formulamos algunhas propostas.

En relación ao anterior, dado que o capital privado semella ser incapaz de reactivar a economía, como evitar o esmorecemento produtivo? 

Se o chamado “mercado libre” destrúe a vida das persoas outras deben ser as alternativas

Traballamos en dous eixos. Primeiro: Pular por un sistema financeiro público. A ese respecto levamos ao Parlamento unha iniciativa para transformar o IGAPE nun Instituto de Crédito Oficial de Galiza. Sen un instrumento destas características facer fluír o crédito para empresas e familias, para dinamizar a economía e asegurar a nosa base produtiva, é imposíbel a curto e medio prazo. Segundo: As empresas privadas levan recibindo unha cantidade de cartos públicos durante estes anos moi elevada, por iso consideramos que é un momento, dada a crise e o colapso do actual modelo económico, de transitar por outras alternativas. A iniciativa pública e a participación pública na xestión empresarial para nós é unha delas. Habería que a precisar para cada caso, mais se o chamado “mercado libre” destrúe a vida das persoas outras deben ser as alternativas. De feito no sector enerxético sería unha das saídas máis razoábeis á falsidade colosal do denominado “déficit tarifario” que estrangula as empresas e as familias. Pensemos que Galiza é produtora neta de enerxía e temos empresas como Megasa que poden pechar nos próximos meses pola mala regulación que desde Madrid se está a facer dos prezos da enerxía.

A industria de Galiza ten futuro? E, o máis importante, Galiza ten futuro sen industria?

O PP repite o mantra da pobreza do país, mais son as súas políticas as que nos empobrecen

O que temos claro é que o futuro de Galiza non pasa por ser unha mina a ceo aberto, único plan industrial que contempla Feijóo. Hai sectores como o complexo mar-frío, naval, eólico, automoción, contact center que viven unha crise neste momento pola inoperancia, ou directamente a incompetencia, do goberno actual. Estamos falando de fortalecer as empresas con valor engadido e non existe ningunha estratexia por parte do goberno para conter a caída libre de todos os sectores. As ansias centralizadoras do PP provoca un desleixo polo tecido industrial galego nunca visto. O PP repite o mantra da pobreza do país, cando é todo o contrario, son as súas políticas as que nos empobrecen.  O futuro ten que vir da man dun deseño estratéxico sobre as nosas potencialidades, podemos atoparnos en ben pouco tempo na tesitura de que un “tarde piaches” sexa o único que nos quede para os sectores industriais deste país. A perda de industrias clave é demoledor, só temos que preguntarnos que fai a mocidade... emigrar de novo.

comentarios