venres 18/06/21

A carencia material severa aniña en 100.000 fogares galegos

Os que recoñecen sufrir “carencias” elévanse até máis de 320.000.

Voluntarios no banco de alimentos de Vigo durante a pandemia (Foto: Nós Diario).
Voluntarios no banco de alimentos de Vigo durante a pandemia.

A radiografía da sociedade galega que deixa a Enquisa estrutural a fogares do instituto galego de estatística (IGE) non convida ao optimismo. Nin sequera podemos consolarnos co comodín da pandemia para explicar a situación q extrema de dificultades que se vive en fogares galegos porque os dados corresponden a 2019, antes da irrupción do coronavirus.

Na Galiza hai 95.500 fogares que recoñecen que están en situación de ‘carencia material severa’. É dicir, que non pode permitirse catro destes conceptos: non pode permitirse unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous días, non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada, non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos, tivo retrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, gas, comunidade, etc.), non pode permitirse dispoñer de coche, non pode permitirse dispoñer de teléfono (fixo ou móbil), non pode permitirse dispoñer de televisor en color e non pode permitirse dispoñer de lavadora.

Os fogares nesta situación son 5.000 máis dos que había en 2018 mais son moitos menos dos que estaban en situación material severa hai unha década, cando superaban os 182.000.

En situación de carencia material, mais non severa, están actualmente máis de 323.000 fogares no noso país.

En case 6 de cada 10 fogares na Galiza chegar a fin de mes conséguese con “dificultade” ou “con moita dificultade”. Segundo a Enquisa conxuntural á familias do cuarto trimestre de 2020 que hoxe mesmo publica o IGE, 57,9% dos fogares recoñecen que acabar o mes fáiselles costa arriba Esta porcentaxe son 12 puntos máis que os que hai só un ano (IV trimestre de 2019) afirmaban estar nesa situación: 45,6%.

Aumentaron tanto os que din chegar “con dificultade” (son agora 47,9% dos fogares, 7 puntos máis que a finais de 2019) como os que o fan con moita dificultade” (eran 4,7% ao fechar 2019 e case 10 ao despedir 2020).

En paralelo, aquelas familias que afirman que acaban o mes con facilidade ou moita facilidade son 42,5% cando hai doce meses era 54,2.

comentarios