A cara oculta do sector galego da automoción: precariedade, ritmos inhumanos e deslocalización

Unha campaña denuncia a precariedade, os baixos salarios, os ritmos produtivos inhumanos ou a deslocalización nun sector chave da economía galega. “Pretenden aumentar a produtividade a custa de atacar os dereitos laborais”, afirma Xoán X. Bouzas, de CIG-Industria.

CIG Industria automoción
photo_camera Presentación da campaña

O sector da automoción galego acumula estatísticas macroeconómicas positivas. Unha facturación superior aos 8.200 millóns de euros en 2015, representa o 31% das exportacións de Galiza, supón 19.000 empregos directos... Mais detrás deses datos hai unha realidade non tan coñecida, lembran desde CIG-Industria, e que nada ten a ver coa “publicidade” que fan PSA Citroën e o Cluster da Automoción.

Os traballadores do sector malviven con salarios de hai vintecinco anos, ritmos de traballo inhumanos e convenios miserábeis”

A federación de Industria da CIG presentou a campaña que vai desenvolver para dar a coñecer e denunciar a situación no sector. Unha situación que se caracteriza, afirma o sindicato nacionalista, por un “día a día” de maior precariedade e temporalidade, coas ETTs a xogar un papel importante e a “introdución masiva” de empresas de servizos. “Os traballadores do sector malviven con salarios de hai vintecinco anos, ritmos de traballo inhumanos e convenios miserábeis”.

Condicións

O secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, afirma que durante os anos de crise “pretendeuse aumentar a produtividade das plantas a custa de atacar os dereitos laborais”. Fala de como se fomentaban falsas competencias entre empresas para lograr así baixar os salarios, das ameazas de deslocalización para lograr axudas económicas públicas ou solo industrial barato... E destaca unha cuestión: a introdución de empresas de servizos creadas ex-profeso con convenios propios ou estatais inferiores. “Contrátase persoal con salarios menores a 800 euros en condicións neo-escravista”, afirman. Engaden, ademais, que se chegan a xerar contratos de incluso 30 horas “para expremer o maior posíbel os e as traballadores con ritmos de traballo infernais”.

Xamais na historia de PSA o persoal tivo peores condicións laborais

Nesta liña, indican que nos últimos anos destruíronse en Galiza máis de 2.000 postos de traballo no sector mentres en Portugal, nomeadamente no norte, se crearon 6.000 empregos nesta rama da actividade. “Non é casual”, di o sindicato nacionalista.

PSA Citröen

En base a estas receitas, mantén a CIG, o futuro de PSA-Citroën camiñaría en Vigo cara o dunha empresa de síntese, “recortando cadro de persoal non só no taller senón nas oficinas”, froito do cal se terían perdido na matriz máis de 4.000 empregos. “Xamais na historia de PSA o persoal tivo peores condicións laborais”, indicaron, alén de recordar que a filial da multinacional “paga impostos” en Madrid. Por todo isto, segundo Bouzas, “cómpre quitarlle a careta a estes supostos benfeitores da economía galega”.

Comentarios