Xabier Pérez Davila: "O capital é quen goberna a economía, nesta ámbito non existe democracia"

O economista Xabier Pérez Davila (Bueu, 1957) vén de tirar ao prelo un novo ensaio titulado Socialismo en Europa en 2020. Após A batalla das pensións e Alén da casta, aproveitamos a publicación deste traballo para reflexionar sobre a conxuntura económica e a resposta á crise provocada polo coronavirus.
Xavier Pérez Davila, economista
photo_camera Xavier Pérez Davila, economista.

—Por que e para que socialismo en Europa en 2020?

Existen sectores onde o capital está moi concentrado e nos que xa rexe a planificación: finanzas, automoción, produción de enerxía ou distribución de alimentos, o que facilitaría a súa socialización. O nivel de formación científico-técnica das clases traballadoras é moi alto. Europa atesoura unha longa tradición democrática: é posíbel un socialismo democrático e economicamente eficiente.

Para que? Para reconducir unha forzas produtivas convertidas en forzas destrutivas dos equilibrios naturais imprescindíbeis para o ser humano. Para substituír o obxectivo do crecemento indefinido polo da satisfacción das necesidades básicas de todas e todos. Para reducir o tempo de traballo e limitar até onde for posíbel o alleamento no traballo. Para avanzar cara a unha sociedade moito máis igualitaria e sen explotación. Para conseguir a igualdade económica real das mulleres incorporando o traballo invisíbel doméstico, reprodutivo e de coidados no deseño da economía.

—Publica este libro coincidindo cunha fonda crise provocada polo coronavirus que os Estados están resolvendo cun masivo rescate ao sector privado e coa conseguinte socialización das perdas, esta resposta de que é significativa e cal sería a alternativa desde unha perspectiva socialista?

A resposta indica que o capital goberna a economía, que non existe democracia, dereito a decidir, nese eido. É prioritario preservar a capacidade produtiva e protexer traballadoras e empresas inxectando efectivo. A poboación empobrecida necesita un ingreso sen condicións.

O BCE debe monetizar os déficits sen emisión de débeda. Urxe fortalecer sanidade, educación e dependencia e denunciar a ladaíña da colaboración público-privada. Socializar enerxía e finanzas dotaría os poderes públicos de capacidade de intervención na economía.

Necesitamos empresas farmacéuticas de propiedade social. Cómpre reorganizar a superficie agraria e forestal hoxe a ermo. A UE debería crear un sistema propio das tecnoloxías da información, a comunicación e os datos de propiedade social para liberarse do imperialismo dixital de Silicon Valley.

—Até que punto as tendencias á desigualdade, á precarización, á perda de peso dos salarios no PIB que analiza no seu traballo non se están acelerando como consecuencia da pandemia?

As políticas aplicadas en resposta á crise de 2008 acentuaron as tendencias iniciadas nos anos 80. Nesta crise apúntase a unha certa corrección: eliminación temporal dos límites do déficit público, incremento do SMI, mantemento do poder adquisitivo das pensións e uso dos ERTE para limitar os despedimentos. Non obstante, as grandes decisións afondan no modelo neoliberal.

O gran trofeo que obtivo o capital na anterior crise foi a privatización das caixas. Agora vaise privatizar Bankia. Entre os grandes gañadores están os xigantes tecnolóxicos que captan rendas da economía produtiva e destrúen o dereito laboral. Só unha gran mobilización social, que non se enxerga, podería impor outra lóxica. Chile demostrouno.

—Achégase no seu libro a determinados modelos de socialismo que se desenvolveron no mundo ao longo do século XX, entre eles o chinés. Hoxe a República Popular China aparece como unha experiencia de éxito, que destacaría dela?

Non destacaría da China a falta de liberdades democráticas nin a persistencia da pena de morte. A democracia é un valor universal que debe ser recoñecido a todos os pobos e persoas. O proceso chinés si é un éxito en dúas dimensións decisivas: a recuperación da soberanía fronte aos imperialismos occidental e xaponés e o desenvolvemento da capacidade de planificación estratéxica da economía. Cara a 1960 o PIB chinés por persoa era un terzo inferior ao da India; na actualidade multiplícao por catro.

A política económica do PCCh é a primeira forza mundial na loita contra a pobreza. China pasou de ensamblar iPhones captando unha parte ínfima do valor a ser líder nas tecnoloxías 5G. O capitalismo de Estado chinés é tan insostíbel desde o punto de vista ecolóxico como o estadounidense ou o noruegués. Ese é o gran desafío que temos como especie.

—Marx ou Piketty?

Piketty situou a cuestión da desigualdade no centro do debate económico. En O capital no século XXI declarábase vacinado contra o anticapitalismo. No recente Capital e ideoloxía dá un paso adiante propondo un socialismo participativo. Esta evolución é un síntoma da perda de lexitimidade que erosiona o capitalismo. Debemos ler Piketty. Porén, padece, na miña opinión, dunha debilidade teórica, a renuncia a unha teoría do valor. A teoría do valor-traballo e da explotación que desenvolve Marx en O Capital resulta máis contemporánea.

No libro aplícoa a Inditex e Apple. Os 1.400 millóns de euros que percibiu como dividendos Amancio Ortega en 2019 e os 73 mil millóns de euros de beneficios de Apple en 2018 son traballo non retribuído a centos de milleiros de traballadoras e traballadores das cadeas globais de produción de valor.

Comentarios