O capital das novas sociedades mercantís cae 12,4% en 2022

A inscrición de sociedades empresariais fica en mínimos desde o confinamento.
En outubro foron rexistradas 220 sociedades mercantís na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera En outubro foron rexistradas 220 sociedades mercantís na Galiza (Foto: Nós Diario).

O número total de sociedades mercantís constituídas na Galiza durante o mes de outubro de 2022 caeu á súa cifra máis baixa desde o confinamento por mor da Covid nos meses de abril e maio de 2020, segundo os datos reflectidos esta segunda feira por un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE). 

As novas sociedades mercantís inscritas nos rexistros da Galiza durante o décimo mes do ano foron 220, máis de medio cento menos que en setembro (-51). O dato supón 45 firmas por baixo das rexistradas no mesmo período de 2021.

A baixa é máis acentuada se atendemos ao capital adherido ás sociedades mercantís de nova creación durante o mes de outubro, que foi de 3.849.451 euros, o seu nivel máis baixo desde novembro de 2019. No décimo mes o capital adherido a estas novas empresas foi 84% inferior que en setembro e 45% menor con respecto ao mesmo período de 2021. 

No que vai de 2022 inscribíronse 3.149 novas sociedades mercantís, cun capital adherido de 161.774.024 euros. Trátase de 192 empresas menos (-6,6%) que nos dez primeiros meses de 2021, cun investimento de capital 22.820.399 euros por debaixo (-12,4%).

A Xunta resalta a actividade emprendedora

Pese aos malos datos de investimento empresarial coñecidos esta segunda feira, a Xunta da Galiza resaltou a recuperación da actividade emprendedora no país despois da pandemia.

Segundo o informe que o Global Entrepreneurship Monitor (GEM) presentou esta segunda feira en Compostela xunto ao Executivo galego, cunha mostra de 2.000 persoas, a actividade emprendedora en fases iniciais foise recuperando até alcanzar unha taxa de 4,8% da poboación, datos próximos aos de antes da pandemia. Porén, esta cifra atópase sete décimas porcentuais por baixo da taxa media do conxunto do Estado.

Comentarios