Nova suba dos carburantes: canto custa hoxe encher o depósito?

O prezo medio da gasolina subiu 24,2% en comparanza con xaneiro de 2021; 25,2%, no caso do gasóleo.
Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).

O prezo dos carburantes encadeou esta semana a segunda suba consecutiva no inicio de 2022, tras a tendencia descendente con que despediu o ano pasado e que o levou a sumar cinco caídas seguidas, até remontar a niveis de finais de novembro.

En concreto, o prezo medio da gasolina situouse esta semana nos 1,489 euros, o que supón un incremento de 0,67% a respecto de hai unha semana, segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.

Pola súa parte, o prezo medio do litro de gasóleo situouse esta semana nos 1,359 euros, encarecéndose 0,89% fronte á semana pasada. Desta maneira, o prezo dos carburantes, tras a tregua dada no final de 2021, volve a asomarse aos máximos que tocou en novembro do ano pasado.

Con esta nova repunta, encher o depósito esta semana é 24,2% máis caro que hai un ano no caso da gasolina e 25,2% superior para o gasóleo.

Entre 15 e 16 euros máis

Así, encher un depósito medio de gasolina de 55 litros custa agora arredor de 81,9 euros, uns 16 euros máis que hai un ano, mentres que no caso de encher con gasóleo ascende a case 74,7 euros, uns 15 euros máis que na segunda semana de 2021.

A pesar destes niveis, o prezo da gasolina sen chumbo 95 está no Estado español por baixo da media da Unión Europea (UE), situada en 1,616 euros o litro, e da zona euro, cun prezo medio de 1,675 euros.

No caso do diésel ocorre algo similar, xa que o prezo na UE é de 1,507 e de 1,537 na zona euro. O menor nivel de prezos finais en comparanza cos países da contorna débese a que España, a pesar das subidas do IVE, aos maiores impostos e aos gravames ao biodiésel, segue contando cunha menor presión fiscal, en xeral, que a media comunitaria.

Comentarios