Canto aumentou no último ano o prezo da vivenda de segunda man na Galiza?

No conxunto do Estado español, ese prezo aumentou 1,4% en agosto respecto ao mes anterior e 5,2% en taxa interanual.
A escasa oferta de vivendas pódese ver prexudicada pola falla de man de obra e os problemas de subministración de materiais. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A escasa oferta de vivendas pódese ver prexudicada pola falla de man de obra e os problemas de subministración de materiais. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O prezo da vivenda de segunda man na Galiza aumentou 1,1% respecto ao mes de agosto do ano pasado, segundo datos do portal inmobiliario Fotocasa. No conxunto do Estado español, ese prezo aumentou 1,4% en agosto respecto ao mes anterior e 5,2% en taxa interanual, o incremento máis alto dos últimos tres anos, situando o seu prezo en 1.988 euros por metro cadrado.

"O prezo da vivenda leva sete meses de incrementos continuados, pero até o de agora, sempre foran subas moderadas por baixo de 4% a nivel estatal. Con todo, en agosto prodúcese unha suba significativa, xa que supera 5% interanual", sinalou a directora de Estudos e Portavoz de Fotocasa, María Matogueiras.

"Este aumento tan dinámico débese probabelmente a que a demanda por mercar vivenda subiu con moita forza, porque os cidadáns están a buscar adquirir un inmóbel antes de que as hipotecas se encarezan aínda máis pola suba do Euríbor", engadiu.

Variacións por autonomías

Analizando os prezos da vivenda en venda respecto aos de hai un ano, en quince das dezasete autonomías incrementouse o prezo interanual en agosto. Os descensos interanuais de agosto detectáronse en Castela e León con -0,2% e Cantabria con -0,1%.

En dúas supérase o 10%. En concreto, en Baleares sobe 10,9% e en Navarra 10,1%. Séguenlle Madrid (7,4%), a Comunitat Valenciana (6,8%), Canarias (5,4%), Andalucía (5,3%), Catalunya (3,8%), Murcia (3,8%), Castela-A Mancha (1,5%), Aragón (1,4%), A Rioxa (1,2%), a Galiza (1,1%), Euskadi (1%), Estremadura (0,8%) e Asturias (0,5%).

En canto á clasificación do prezo medio da vivenda de segunda man máis cara no Estado español, á cabeza atópanse Madrid e Baleares, cos prezos de 3.359 euros por metro cadrado e 3.184 euros por metro cadrado, respectivamente.

Séguenlle Euskadi con 2.901 euros por metro cadrado, Catalunya (2.636 euros), Canarias (1.871 euros), Navarra (1.788 euros), Andalucía (1.776 euros), Cantabria (1.751 euros), Aragón (1.629 euros), a Galiza (1.629 euros), Asturias (1.594 euros), Comunitat Valenciana (1.523 euros), A Rioxa (1.486 euros), Castela e León (1.441 euros), Murcia (1.160 euros), Estremadura (1.159 euros) e Castela-A Mancha (1.136 euros).

Comentarios