Xesús Pastoriza (CIG Transporte)

“Cando traballadores e patronal coincidimos en rexeitar o plan de transporte da Xunta é que este moi bo non debe ser”

Na medianoite desta segunda feira comeza unha nova xornada de greve de transporte de viaxeiros por estrada que liga cunha chamada para ser indefinida a partir da quinta feira. Falamos con Xesús Pastoriza responsábel de transportes da CIG, sobre un conflito que vai alén dos seus 7.000 traballadores.

 

xesus pastoriza CIG transportes

Falamos con Xesús Pastoriza cando este está a piques de entrar nunha nova xuntanza coa Consellaría para tentar poñer fin á greve do transporte de viaxeiros. “É unha reunión sorpresa, non contabamos con ela”, recoñece o responsábel de transportas da CIG, un dos tres sindicatos –canda CCOO e UXT- que protagonizan os paros no sector.

-A partir das doce da noite desta segunda feira comeza unha greve que pode enlazar co paro indefinido a partir do día 13 aprobado por unanimidade polos traballadores e que vai ter consecuencias importantes. Como se chega aquí?

-Estamos aquí por unha forma de traballar da Consellaría de Infraestruturas absolutamente absurda. Optaron por traballar e decidir en solitario. Nós formulamos desde o principio unha mesa tripartita (administración, patronal, sindicatos) para tratar este tema e desbotárono, fixeron uns plans descabellados, sen pés nin cabeza. Convocamos greve e a partir de aí si que nos chamaron para empezar a negociar, poñendo certas cuestións riba da mesa mais que non abondan.

-Neste tempo, porén, houbo avanzos nas negociacións entre Xunta e sindicatos, mais non foron abondo para rematar coa greve, que agora pasa ser indefinida... Que fai falla para unha desconvocatoria?

-Tería que haber unha retirada dos plan de transporte. Cuestións como a subrogación son positivas, non se pode negar, traballar nesa liña pode levar a algo, mais ten que haber máis. Nós a sexta feira pasada demos por rematadas as conversas mais sorpresivamente volvéronnos chamar para hoxe [segunda feira].

-Mais como se pode solucionar este conflito, que pasos se deben dar?

-Nós queremos que retiren o plan de transporte

-Mais unha vez que o Consello da Xunta licitou as concesións iso semella case imposíbel

-Certo. En calquera caso, teñen que garantir que as condicións dos traballadores continúen exactamente igual aínda que haxa novos contratistas, e iso non o temos garantido, non o temos claro. Non nos deixan coñecer os contratos novos e non podemos saber canta xente van contratar comparada coa actual. Ademais, entendemos que non hai unha dotación económica suficiente para garantir que se subrogue 100% do cadro de persoal. O escollo principal neste sentido é que se garanta o volume total de emprego e que se garanta unha partida económica que garanta iso.

- Desde a Xunta tense criticado que neste conflito sindicatos e patronal “vaian da man”...

- Coincidimos coa patronal en criticar e rexeitar o plan de transporte da Xunta. Cando patronal e sindicatos rexeitamos o plan, este moi bo non ha de ser. Agora, nós temos enfrontamentos coa patronal, aí está a loita polos convenios. E esa é a segunda pata da mesa, nós non imos levantar a convocatoria da greve se non hai avanzos importantes nos convenios.

- Após o consello da Xunta da pasada quinta feira, aprobando a licitación do plan de transporte, semella que non hai moita marxe de manobra...

- Non deixa de sorprender que a Xunta fixera todo tan rápido a respecto do plan de transporte. Por outra parte , non é tanta sorpresa se vemos que leva actuando con prepotencia nesta cuestión desde o primeiro día. Apostaron no “aquí mando eu” e punto.

- Por que ese rexeitamento frontal ao plan da Xunta?

- É un plan parcial, que vai crear dúas realidades paralelas nos traballadores: os dos novos contratos e os dos vellos contratos, con condicións distintas para uns e outros. Non está ben deseñado, leva aparellado meter transporte escolar e de liña no mesmo paquete, o que non nos parece correcto.

Comentarios