Chegar a final de mes é para un de cada tres fogares galegos (32%) unha heroicidade e para case un de cada dez (8,6%) unha milagre. Son as familias que recoñecen, segundo o Instituto galego de Estatística, que acaban o mes con dificultade ou moita dificultade: 40%, miles de fogares galegos. Este 2018 está a poñer a proba a capacidade de resistencia das familias galegas para cadrar as contas, máxime cun horizonte ao que a desaceleración económica actual pon a etiqueta de preocupante. Non é de estrañar, logo, que o índice de confianza dos consumidores e consumidoras galegas caese en 1,2% no terceiro trimestre a respecto do anterior.
Nestes meses o encarecemento da cesta da compra e de produtos básicos produciuse a unha velocidade de vertixe mentres os salarios están inertes: no primeiro semestre de ano o soldo medio na Galiza subiu en 0,1%. En paralelo, rexístranse incrementos de até 15% en produtos básicos. A perda de poder adquisitivo prodúcese a pasos de xigante.
A luz e a electricidade aumentaron nestes meses en 15%. A mesma suba que experimentaron os carburantes (que só en agosto representaron 40% da inflación na Galiza). A listaxe de produtos cada vez máis caros durante este ano é moito máis longa. Abrangue desde o gas (suba por riba de 8%) até a vivenda (que nas principais cidades galegas entrou nunha espiral de encarecemento que deixou subas de até 16% nestes meses). Alimentos como as patacas (8%), a froita fresca (11%), os ovos e verduras (5,5%), o pan (1,7%)... E, como guinda, o incremento de peaxes na AP-9, que vai subir en 2% para compensar Audasa (desde 2010 as peaxes subiron en 25%). Pinga a pinga todo suma para incrementar as dificultades dos fogares galegos.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]