Análise

Cando censuraron a primeira análise da economía galega

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
O libro autosecuestrado 'Galicia, realidade económica e conflito social', de 1978, reunía 29 autores con capa de Luís Seoane. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera O libro autosecuestrado 'Galicia, realidade económica e conflito social', de 1978, reunía 29 autores con capa de Luís Seoane. (Ilustración: Álex Rozados)

Non foi no 2018 a primeira vez que secuestraron un libro galego, caso do Fariña de Nacho Carretero. Nin é o caso dun libro de economía. O escocés John Stuart Mill viu no 1848 o seu Principios de economía política engadido á lista dos prohibidos pola igrexa católica, quizais pola súa defensa da emancipación da muller, dos dereitos dos traballadores ou da abolición da escravitude.

No noso país, en 1978 secuestraron un libro en galego e, principalmente, de temática económica. Galicia, realidade económica e conflito social é un conxunto de ensaios de vinte e nove autores coordinados por José Antonio Durán, con capa de Luís Seoane, que foi censurado e autosecuestrado polo propio editor, o Servizo de Estudos do Banco de Bilbao. Nunha década na que o entendido como censura nun banco limitábase só á da información financeira anual que permitía a verificación e o control externo da súa contabilidade por un "censor xurado de contas", non de textos, como neste asunto.

O contexto económico no 1978 vén marcado pola dimisión do ministro Enrique Fuentes Quintana, e a inflación, o desemprego e a caída da produción industrial como protagonistas. Como dixo Pablo Martín-Aceña "a historia económica daqueles anos foi, en esencia, a historia dunha política económica que tentou enfrontarse ao empeoramento continuo das condicións da economía, cuxa secuela máis dolorosa era a rápida destrución de postos de traballo". No sector financeiro galego viñamos duns 60 anos nos que a banca española era marxinal e pasamos a ter o 60% da rede de sucursais só dez anos despois. Logrouno por dous camiños: como consecuencia das reformas na lexislación bancaria, que facilitaron a apertura de oficinas; e pola compra de entidades galegas, onde destacan os casos dos bancos de Vigo e Lugo, comprados polo Popular, e o do 'Banco de La Coruña', precisamente polo Banco de Bilbao.

Secuestro

Do libro autosecuestrado imprimíronse doce mil exemplares de 757 páxinas, dos cales 8.000 en castelán e 4.000 en galego, cun custe de doce millóns de pesetas. A intención era repartilo de balde entre institucións e clientes do banco en Galicia. Mais antes da súa difusión o banco, cedendo a presións alleas e ás internas da á máis conservadora do seu consello de administración procedeu ao seu secuestro, malia que pouco antes negociara e incumprira cos autores a posibilidade de reducir a distribución a 6.000 exemplares e de eliminar dos libros toda identificación do banco como editor. Para destruílos, queimáronos!, o que non se vía en Galicia desde que en agosto de 1936 a Falanxe fixérao na Coruña cos requisados nas bibliotecas de Casares Quiroga e do Seminario de Estudos Galegos.

Non pode haber máis contradición do secuestro co que o editor insire na presentación do libro "o banco quere chamar a atención sobre o ton sereno e razoante das páxinas, sen que se foxa nunca de incidir sobre os aspectos máis críticos e cortantes da dinámica galega" e de que "deben ser os lectores quen, serenamente, xulguen sobre o acerto ou desacerto do resultado". Como tampouco co pedido polo Bilbao a Durán "un estudo anticonvencional e que supuxese unha innovación sobre obras deste tipo, de forma que fuxísemos de criterios economicistas". Daquela, que motivou a súa destrución?

Segundo os censores, o estudo non concordaba coa imaxe que o banco tiña en Galicia e algúns dos seus capítulos non encaixaban no estilo das obras que o banco adoitaba editar. Tamén di Francisco Fernández Rei que o tratamento do fenómeno relixioso feito por W. A. Christian, Andrés Torres Queiruga e Xosé Chao Rego non foi do gusto dos sectores máis conservadores do consello.

Realidade económica

Dicía Durán que o seu obxectivo era sacar á superficie e dar normalidade a todos os aspectos da vida social galega nos últimos anos, que eran, dalgunha maneira, subterráneos ou clandestinos. Esta si que é a chave que o banco quixo calar. Non lles era acaído o tratamento reflectido do modelo de industrialización dos sesenta, con industrias de enclave non integradas na economía galega e ciclos produtivos desenvolvidos fóra de Galicia, polo que implican na época de maior industrialización unha pequena creación de postos de traballo industriais e a unha inmensa emigración. Como tampouco a análise do sector primario, do problema forestal, da agricultura ou da cuestión social do marisqueo. Non interesaba dalo a coñecer masivamente.

Conflito social

Era unha época conflitiva no político e no social. Os textos inclúen unha análise do comportamento electoral nas eleccións do 1977 e das loitas sociais en defensa de Baldaio; a rebelión contra a ocupación das terras por Lignitos de Meirama; ou grandes concentracións, como a dos sete mil manifestantes en Pontevedra contra a autoestrada ou as de Xove contra a nuclear. O Banco de Bilbao buscando a verdade, correu o risco de atopala, que dicía Vicent. Mais ocultala non é menos difícil que dicila.

Comentarios