Cando as contas non dan

O Goberno do Estado, os seus homólogos autonómicos e as forzas políticas deberán afrontar nesta etapa a reforma do sistema de financiamento vixente con varios anos de retraso ao disposto pola lexislación. Non se trata dunha cuestión de técnica xurídica nin de contabilidade pública, senón política.

Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid
photo_camera Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid

As Cortes Xerais deben aprobar un novo sistema de financiamento para os territorios do réxime común ao longo da actual lexislatura. As posicións defendidas polas diversas forzas políticas na última campaña electoral, as declaracións das presidentas e dos presidentes autonómicos sobre as dificultades financeiras das súas comunidades e os acordos asinados polo PSOE con aquelas forzas que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez deixan poucas dúbidas ao respecto. Nesta liña, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, dá por feita a reforma do actual modelo no horizonte do segundo semestre de 2020.

O actual sistema de financiamento atópase prorrogado desde 2014. Aprobado con rango de lei á volta de 2009, cos votos favorábeis do PSOE e coa abstención do Partido Popular, fixaba na súa disposición adicional sétima a obrigatoriedade de ser revisado en 2014, momento onde comeza unha negociación que continúa até hoxe. Neste longo proceso, que xa acumula máis de cinco anos de retraso, destacou a Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, cuxo acordo máis importante foi “o impulso á revisión do sistema de financiamento autonómico, en aras de culminar co acordo de aprobación dun novo sistema deseñado con criterios obxectivos”. Sexa como for, un modelo xurdido para o período 2009-2014 terá, como mínimo, unha vixencia de 11 anos.

A maioría das expertas consideran insuficiente as achegas do modelo de financiamento vixente para facer fronte ás necesidades de investimento das autonomías do réxime común, todas agás Euskadi e Nafarroa. Segundo Vicent Cucarella, Sindic Major de Comptes do País Valenciá e un dos grandes especialistas na materia, “as comunidades autónomas no seu conxunto deberían estar recibindo máis ingresos dos que actualmente reciben. A solución polo tanto pasa por un reparto máis equitativo entre o Estado e as comunidades autónomas que evite os agravios entre os territorios”. Cucarella, en declaracións a Nós Diario, denuncia que “a ausencia de descentralización no ingreso no Estado español dificulta moito que se poidan levar a cabo políticas económicas de carácter autónomo”.

Santiago Lago, a persoa designada polo Parlamento galego para defender a proposta de financiamento pactada no parlamento por PP, PSOE e En Marea, demanda máis recursos para o país no novo modelo. “A Galiza interésalle que haxa máis recursos sobre a mesa porque existe un problema de insuficiencia xeneralizada. Cantos máis recursos adicionais, máis posibilidades de aumentar o financiamento, pero sobre todo interésalle enormemente que se avance cara á nivelación plena de todos os servizos”, sinalaba Lago nunha entrevista concedida en setembro de 2017. Na mesma liña, solicita ponderar con máis peso no reparto de recursos o avellentamento.

12,2 millóns recadados na Galiza en 2017

O economista Xosé Díaz ten demostrado o carácter ruinoso para o país do actual sistema de financiamento. Nun estudo elaborado en 2019, tomando como referencia a liquidación dos orzamentos do Estado de 2017, última anualidade da que existen dados, sinalaba que Galiza perdeu nese ano 4.570 millóns de euros. O traballo, titulado A liquidación do sistema de financiamento do réxime común en 2017, onde dá continuidade ás investigacións recollidas no volume As contas que nos contan, editado por Sermos Galiza en 2016, afirma que o Estado recadou no país 12.214.084 millóns de euros en concepto de impostos e só reintegrou 7.643.965 millóns de euros.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios